A SGAE só centrará a súa actividade penal en infraccións de envergadura

martes, 18 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Teddy Bautista, presidente do Consello de Dirección da sociedade de xestión

Semella que dun tempo a esta parte a Sociedade Xeral de Autores (SGAE) iniciou un proceso de lavado de faciana encamiñado a reparar un pouco todo mal que lle fixeron á industria persoeiros como Ramoncín e outros. Isto non quere dicir que non sigan a loitar polo que consideran xusto, a defensa dos dereitos pechados de propiedade intelectual (e o cobro ligado a eses dereitos), pero se cadra o pensarán dúas veces antes de facer certas cousas tan raras como lanzarse a recadar en concertos benéficos.
Segundo se conta estes días na Rede, a SGAE contará en breve cun código de boas prácticas e cunha figura que será algo así como o Defensor do Pobo para o Goberno pero no ámbito do cobro polos dereitos. Asemade, comprometeuse a non emprender accións legais de tipo penal contra usuarios particulares de redes da información, máis polo miúdo por ter intercambiado nas redes arquivos dixitais. O seu obxectivo, din fontes da Sociedade, serán son estruturas organizadas “onde o nivel de infracción sexa masivo”.
Este novo código de conduta da SGAE será válido até 2014, e foi presentado os días pasados polo presidente do Consello de Dirección, Teddy Bautista, durante un encontro celebrado ao abeiro do Foro da Nova Cultura. O propio Bautista confirmou estes aires de cambio. Con este código, declarou, preténdese contribuír á adaptación da SGAE aos novos tempos da rede participativa, a das redes sociais e a de internet nos móbiles de última xeración. Deste xeito, máis que apostar por unha estratexia penal, farase fincapé na achega de coñecemento e máis na de información sobre os obxectivos e o valor da actividade da sociedade de xestión. Tamén se busca facer o máis transparentes posibles as operacións de cobro polos dereitos de autor, apostando polo espazo web propio de seu e polos seus cadernos nas redes sociais.

PUBLICIDADE