A situación de Televigo, tal e como sinalamos hai uns días dende Código Cero, non é precisamente boa. En primeiro lugar, porque probablemente a cadea se vexa obrigada a pechar as portas por ter emitido na TDT sen contar coa pertinente licenza, tal e como sinalaron o pasado verán os adxudicatarios das licenzas na demarcación de Vigo (Utega e Rías Baixas de Produción). A principal consecuencia disto é ben dramática, porque arredor de 50 operarios da empresa poderían ir á rúa se prospera o expediente de peche aberto pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia. Pois ben, ao equipo de traballadores de Televigo véñenlles de saír diferentes apoios, entre os que se conta o do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG). Para a plataforma de comunicadores, alén de calquera consideración sobre se a canle debe seguir emitindo ou non (cousa que o Sindicato prefire non valorar, xa que isto lle compete ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), é importante que a Xunta teña en conta que “tódalas concesionarias de TDT local e autonómica están a violar sen pudor as súas concesións, sobre todo as locais”, manifesta.
E engade: “Calquera que prenda o televisor pode comprobar que a inmensa maioría das licenzas está sen explotar máis dun ano despois do apagamento analóxico”. Polo tanto, informa o Sindicato, non pode ser que as devanditas persoas se vaian á rúa por unha suposta falta de licenza, “cando as empresas que si que a teñen non moven un dedo para cumprir coas súas obrigas legais”.
Estas declaracións únense ás mobilizacións que manteñen os traballadores de Televigo co fin de evitar o peche administrativo ao que terá que facer fronte a canle, a xuízo das ditas adxudicatarias das licenzas por emitir os seus contidos sen autorización da Xunta e por ocupar un espazo radioeléctrico sen o consentimento do Ministerio de Industria.
Para o SXG, é fundamental que se abra o vieiro do diálogo neste intre, para que a Xunta poida levar a bo porto a situación de Televigo e evitar que paguen por estes problemas quen menos culpa ten: os traballadores. A xuízo da entidade de xornalistas, non semella posible que as 74 emisoras de TDT local e autonómica poidan investir 143 millóns de euros tal e como requiriu o Goberno coa achega de licenzas. “O SXG entende que tales cifras son difíciles de cumprir en plena recesión e comprende que o Goberno debe conceder máis tempo empresas que xa están emitindo pero que aínda non contrataron tantas persoas ou investiron tantos cartos como se comprometeron nas súas propostas”, engade.
O Sindicato de Xornalistas de Galicia alíase cos traballadores de Televigo
Compartir Este Artigo
