Denuncian a Televigo por emitir en TDT sen licenza

martes, 6 de xullo do 2010 Marcus Fernández

As concesionarias de licenzas de TDT de ámbito local para a demarcación de Vigo, Localia Vigo e La Región-Atlántico Diario, veñen de denunciar ante a Secretaría de Estado de Telecomuniacións a Televigo por emitir dende o pasado 12 de maio a través da TDT de xeito ilegal, posto que esta última compañía quedou fóra do concurso de licenzas de televisión local, polo que «non só emite os seus contidos sen a pertinente autorización administrativa da Xunta, senón que ocupa un espectro radioeléctrico sen autorización do Ministerio de Industria», o que supón unha infracción moi grave.
Os denunciantes consideran que a emisión sen licenza a través da TDT prexudica aos operadores legais, que contan coa autorización administrativa correspondente, que piden unha actuación inmediata, coa aplicación de sancións e o peche das emisións en TDT de Televigo. Tamén destacan o seu asombro ante o feito de que Tranvías Eléctricos de Vigo, compañía propietaria de Televigo, optase pola emisión ilegal na TDT.
Lembremos que a canle destinada para a TDT de ámbito local en Vigo é a 34, mentres que Televigo está a ocupar ilegalmente a canle 32 para as súas emisións.


Anuncio do comezo de emisións de Televigo a través da TDT

PUBLICIDADE