Os vindeiros días 7 e 8 de abril, a Escola Universitaria Politécnica da UDC, sita no campus de Ferrol, vai dar acollida a unha iniciativa moi semellante á que estes días se está a celebrar no seo da Escola de Minas da Universidade de Vigo: unha xuntanza tecnolóxica na que, entre outras cousas, poñeranse en contacto aos alumnos e alumnas do último curso da titulación coas empresas máis representativas do sector industrial.
Estamos a falar da VII Xuntanza Tecnolóxica da UDC que, a diferencia do foro vigués, ten como principal obxectivo “ofrecerlle ás empresas interesadas a oportunidade de presentar as súas actividades, produtos e novidades tecnolóxicas”, perante a comunidade estudiantil e demais persoal da entidade académica.
Segundo informan dende a Universidade da Coruña, a idea de celebrar este encontro xurdiu hai sete anos, “cando un grupo de alumnos da Escola Universitaria Politécnica de Ferrol decidiu buscar o xeito de aproximar o mundo empresarial á Universidade”. “O bo traballo realizado polos alumnos organizadores e o apoio do centro”, engaden dende a organización, “deron o impulso necesario para acadar a continuidade que ano tras ano ten a Xuntanza Tecnolóxica”.
Nesta sétima edición, a xuntanza manterá a súa mesma estrutura de relatorios e obradoiros, e repetirá, de novo no patio interior do edificio, a exposición cos stands das entidades participantes e colaboradoras.
Neste espazo, definido polos responsables do evento como “o centro neurálxico do certame”, confluirán alumnos, profesores, relatores e persoas convidadas pola organización, que tamén poderán asistir aos distintos obradoiros e relatorios que teñan lugar nas instalacións da Escola.
A Xuntanza conta coa colaboración do Concello de Ferrol, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Navais, da Asociación Estatal de Representantes de Alumnos de Enxeñaría Técnica Industrial ou da Oficina de Cursos e Congresos da UDC, entre outros organismos.
Xuntanza Tecnoloxica na Escola Universitaria Politécnica da UDC
Compartir Este Artigo

