Este 30 de marzo celebrouse o Día da Liberdade de Documentos, cuxo obxectivo é visualizar a necesidade de apostar pola información sen atrancos, favorecendo a compatibilidade entre formatos e o intercambio fluído e libre de coñecemento. Dito doutra maneira: xa é hora de pórlle fin ás feituras de tipo pechado que non favorezan o libro manexo dos documentos dixitais. Con este obxectivo celebrouse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo un encontro no que participaron usuarios de novas tecnoloxías abertas e empresarios, do que xa avanzamos detalles dende esta mesma web. O encontro serviu para afondar na situación actual do software libre aplicado ao emprego e creación de documentos. A xuízo dos participantes, é preciso pedir unha participación máis directa das institucións públicas.
A finalidade: acadar un panorama onde teñan menos marxe de manobra as esixencias de determinadas empresas para que se pague polos seus sistemas de uso e acceso aos datos.
Na súa opinión, o dereito á información debe estar por enriba de calquera imposición de tipo empresarial, e máis sabendo que hai múltiples ferramentas e servizos feitos á marxe das compañías privativas, igualmente eficaces, máis baratos e máis adaptables. O feito de que existan formatos privativos, pechados, é en certa maneira unha volta aos tempos en que se multiplicaban ferramentas tecnolóxicas incompatibles entre si. O lóxico sería o contrario, coincidiron, ao tempo que explicaron a cuestión coa seguinte pregunta: Que pasaría se un teléfono dunha compañía só permitise comunicarse cos terminais desa mesma empresa?
A alternativa a todo isto está nas empresas privadas que apostan a prol da compatibilidade por enriba do beneficio a toda costa e, por suposto, nos colectivos, nas empresas, nas asociacións e nas oficinas de software libre que loitan “con paixón” pola liberdade nos documentos.
Na opinión de Roberto Brenlla, consultor na firma Tegnix e coordinador da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, este proceso a prol da supresión de atrancos tecnolóxicos chegará máis tarde ou máis cedo, pero chegará: “Por lóxica e por calidade as ferramentas de software libre acabarán impoñéndose”, dixo.
No acto celebrado na Universidade de Vigo tamén fixeron acto de presenza membros das asociacións galegas de defensa e promoción da programación aberta (GALPon, GULO e Trasno), da Xunta de Galicia (a través de Adrián Lence, subdirector xeral de Infraestruturas e de Telecomunicacións) e da propia Universidade, representada pola directora da Escola de Telecomunicacións, Edita de Lorenzo.
Reclaman dende Vigo máis participación das institucións públicas no pulo ao software libre
Compartir Este Artigo
