As empresas que forman parte de OperGal, a Asociación de Operadores Galegos de Redes Sen Fíos de Banda Larga, convocaron esta mañá aos medios de comunicación en Santiago de Compostela para dar a coñecer que a subvención duns 15 millóns de euros que a Xunta outorgará dentro do Plan Director de Banda Larga para achegar a Rede ao rural, non recaeu aínda en Telefónica como publicou parte da prensa, senón que a compañía integrante en OperGal, Intermax, continúa na carreira por facerse con esta axuda que pode supor un importante pulo ás compañías galegas que ofrecen servizos de banda larga sen fíos.
Javier Mouriño, director xeral de Intermax, asegurou que están a solucionar certos erros de forma na documentación que presentaran ante a Xunta para facerse coa devandita subvención, polo que agora dende OperGal piden que a Administración confíe en compañías galegas para este proxecto, tanto polo beneficio que suporá para os cidadáns galegos a través dos servizos de telecomunicacións que poderán ofertar como polo emprego que xerará na terra.


Durante a presentación tamén deixaron claro que a proposta de Telefónica é moi inferior tecnoloxicamente á de Intermax (pois esta última non se limita a dar conexións á Rede mediante 3G, senón que está aberta a velocidades moito máis elevadas que permiten ata ofrecer servizos de televisión sobre IP, para o que tamén queren colaborar con outras compañías galegas como Blusens). Os presentes tamén manifestaron a súa desconfianza con Telefónica, por ser a compañía na que recaeron subvencións anteriores para levar a Rede ao noso rural, quedando así en evidencia a súa competencia ao respecto (moitos dos actuais clientes das compañías de OperGal son en moitos casos ex usuarios de comunicacións 3G ou están en zonas ás que Telefónica tería que ter levado a cobertura da Rede no pasado).
Actualmente as empresas que conforman OperGal facturan uns 5 millóns de euros ao ano, xeran 50 empregos directos e dan servizo a uns 11.000 usuarios en 120 concellos galegos.
OperGal pide á Xunta que confíe en empresas galegas para levar a Internet ao rural
Compartir Este Artigo
