Telefónica España vai celebrar o vindeiro 7 de febreiro, en Santiago, unha xuntanza profesional para amosar as posibilidades das redes sociais e as novas tecnoloxías en xeral no camiño da rendibilidade no mercado. A cita, convocada baixo o epígrafe As TIC e os social media: claves para a competitividade, desenvolverase a partir das 12 horas no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.
Segundo apunta a operadora española, organizadora do evento, o obxectivo do mesmo é afondar un pouco máis nas ferramentas tecnolóxico-dixitais que as PEME galegas e de todo o conxunto do Estado teñen ao seu dispor para melloraren a súa produtividade e competitividade, “e como internet e a integración das redes sociais na estratexia das empresas estase a converter na clave para ter éxito neste obxectivo, desde unha perspectiva moi práctica”, engaden fontes de Telefónica.
No acto, inserido nun programa máis amplo de eventos que percorren toda a xeografía estatal, ademais dos representantes institucionais do Goberno galego, contarase coa presenza activa de empresas locais que amosarán, en todo detalle, a súa experiencia e os seus logros no uso das novas tecnoloxías da información, Internet e o amplo abano de redes sociais dispoñibles arestora. Esta achega colectiva de casos de éxito galegos virá dinamizado por expertos moderadores na comunicación de tipo corporativo.
Telefónica convoca aos empresarios galegos para dar conta de casos de éxito no uso das redes sociais
Compartir Este Artigo

