Queirámolo ou non, este martes é o Día de San Valentín, con todo o que iso implica: máis compras, máis cancións farturentas e, sobre todo, máis corazonciños por tódolos recunchos, incluso polo Google. O caso é que sempre se poden facer cousas orixinais para que a xornada en cuestión sexa o máis levadeira posible, quedándonos co gran e deixando de lado a palla. Isto é o que propoñen, cóntanos Mancomun, dende a Free Software Foundation, que organiza hoxe cunha campaña internacional para dar conta do amor que senten millóns de persoas de todo o mundo polo software libre.
A iniciativa da FSF ten como finalidade impulsar a sensibilización cara aos programas abertos e as súas múltiples vantaxes, e todo isto facendo fincapé “na xente apaixonada que traballa duro detrás del”. O chiste está en darlles a entender que se aprecia o seu traballo, e este día 14 semella un día tan bo para iso como calquera outro. Deste xeito estaremos facendo algo máis que amosar un sentimento: estaremos a contribuír por un mundo onde sexa máis doado e accesible (economicamente) o emprego das novas canles e ferramentas da información, hoxe en día vantaxes máis necesarias ca nunca.
Reproducimos a continuación o convite da fundación (con diferentes xeitos de declarar o devandito amor), tal e como o reflicte e máis o enriquece, dun xeito moi completo e ben detallado, a web de Mancomún:
· Por E-mail, enviar mensaxes de agradecemento aos desenvolvedores e colaboradores de proxectos de Software Libre polo seu traballo.
· En redes sociais, durante o día de San Valentín, actualizando o software libre, e utilizando o hashtag #ilovefs.
· Se tes un blog escribe unha entrada sobre o “I love Free Software”.
· Banners, a través dunha páxina que mostra os distintos banners que apoian o “I love Free Software” e que son de uso gratuíto.
· Para os que están a vivir en Alemaña, poden promover o evento no Unperfekt-Haus en Essen.
· Dándolle unha aperta a un desenvolvedor (mellor pedir permiso primeiro).
· Comprade unha bebida a un desenvolvedor ou outra persoa e mentres que a saboreades, faládelle sobre a vosa ferramenta aberta favorita.
· Usade a hora do xantar no traballo para falar cos compañeiros sobre programas de código aberto e por que vale a pena apoiar este movemento.
· O diñeiro non pode comprar o amor … pero pode axudar a loitar pola súa liberdade, dísenos. Podemos facer unha doazón á FSFE ou calquera outra iniciativa de software libre para expresar o noso agradecemento.
San Valentín apúntase tamén á promoción do software libre
Compartir Este Artigo
