O vindeiro luns, 26 de marzo, INEO vai celebrar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o Foro, A transformación do negocio cara o Cloud para PEME do sector TIC, no que a Asociación abordará este novo modelo de negocio e achegaralle aos seus asociados as claves para realizar a transición ao cloud do xeito máis rendible e efectivo posible.
A xornada, que vai dirixida a xerentes, directores xerais e directores de Unidades de Negocio de Empresas TIC, dará comezo a partir das 10:00 e durante 3 horas informará ás persoas asistentes sobre a xestión empresarial deste novo modelo de negocio coñecido como “na nube”.
Segundo afirman dende Ineo, “a transición ao cloud é unha realidade e require que as pequenas e medianas empresas coñezan a mellor estratexia para xestionar os seus negocios dentro dente novo modelo”.
Deste xeito, a xornada achegará información de utilidade para xestionar este novo modelo de negocio, coa axuda de consultores expertos que mostrarán como realizar a transición ao cloud de maneira rendible e efectiva.
A encargada de inaugurar a xornada será a directora xeral de Ineo, Lucía Gregorio, quen coa colaboración de Beatriz Montero Fernández, da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, daranlle a benvida aos asistentes e farán unha introdución do tema a tratar.
Posteriormente, a partir das 10:15, o vicepresidente de Consultoría de AfirmaGroup, Tony Barbosa, achegará as Claves para lograr unha Transformación exitosa do Negocio cara o Cloud, un relatorio no que avaliará os impactos, os cambios e as transformacións que provoca este modelo de negocio na empresa TIC.
Barbosa tamén analizará as vendas e o marketing que xurde no marco deste novo mundo na nube e os riscos a correr se non se entra no cloud.
A xornada dará acubillo tamén ás preguntas e rogos que os socios asistentes desexen facer así como ás aclaracións que, sobre o tema, quedasen sen tratar no relatorio.
A asistencia é de balde e limitada aos socios de Ineo; para formalizar a inscrición, estes deberán chamar ao 986 112 570 ou enviar un correo electrónico cos datos de contacto da persoa que asistirá e a empresa á que pertence.
Ineo amósalles aos seus asociados as claves da tecnoloxía cloud
Compartir Este Artigo

