Nun momento no que as festas informáticas están en plena crise (adíase a Arroutada Party e a Campus Party abandona Valencia) o evento Xuventude Galicia Net non se rende, e celebrará a súa edición nº 13 entre os días 4 e 6 de maio no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela, para o que contan coa participación dun milleiro de mozos aos que se sumarán numerosos asistentes que poderán acudir ás actividades de acceso libre que se desenvolverán durante eses días.
Os interesados en acudir poden inscribirse dende hoxe na páxina web de xuventude.xunta.es, asignándose as prazas por rigorosa orde de inscrición.
A prioridade deste ano é a proposta formativa e a busca de emprego para os mozos e mozas que participen no evento, e para iso contarase coa presenza de profesionais e expertos do sector das novas tecnoloxías e da empresa xeral. Así, durante os tres días celebraranse charlas e conferencias con poñentes recoñecidos nacional e internacionalmente, así como obradoiros, charlas-coloquios e mesas redondas. O obxectivo é consolidar a formación deste evento como un referente a nivel nacional no mundo das novas tecnoloxías.
As xornadas dividiranse en catro temáticas principais: o emprego e as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías; a formación dedicada aos pais; as startups; e o ciber voluntariado. Para cada área, reuniranse profesionais das distintas disciplinas para amosar as súas experiencias.
Ademais, haberá tamén tempo para o ocio, e os exteriores serán tamén unha extensión do Xuventude Galicia Net. Os interesados poderán, entre outras actividades, empregar o campo de paintball; asistir ás noites temáticas de cine, consolas e videoxogos; ou asistir a cursos de defensa persoal, xogo do pau, e esgrima antiga europea.
Todas estas actividades da extranet, así como as charlas, serán de balde e de acceso libre.
Xa dentro propiamente da party desenvolveranse competicións oficiais de videoxogos; realizaranse competicións de Future Arena Torunament, a liga amateur de e-sports que se vén realizando nos encontros informáticos de diversos puntos de España. Deste xeito, os participantes poderán xogar cos seus ordenadores nos campionatos de Counter Strike 1.6, League of Legends, FIFA 2012, Super Street Fighter 4, Trackmanis, Quake Live e Tekken 6.

Por exemplo, no obradoiro de modding os participantes poderán adquirir coñecementos sobre como confeccionar os seus propios deseños e a súa posterior plasmación nos equipos informáticos. Cabe destacar que este ano, por primeira vez, celebrarase o Torneo nacional de modding: Premio Xuventude.net, primeira fase galega do Future Modding Tournament nas categorías de casemod e casecon.
Xa no eido do overclocking, haberá unha charla na que os interesados poderán informarse sobre como acadar o maior rendemento do seu ordenador. Nesta actividade, combinarase a formación teórica cun taller práctico.
ACTUALIZACIÓN: Por problemas técnicos a inscrición ao evento adíase.
Hoxe ábrese a inscrición a Xuventude Galicia Net
Compartir Este Artigo

