O encontro informático Xuventude Galicia Net transcorreu na súa segunda xornada con grande éxito de participación nas súas actividades, o que xa se fixo notar co relatorio que abriu a mañá, co profesor e blogueiro Enrique Dans, quen fixo un repaso dos numerosos cambios que está a provocar a Rede nas nosas vidas, destacando as oportunidades que iso pode abrir á mocidade á hora de atopar novos nichos de traballo aos que aínda non se adaptou boa parte da sociedade. Tamén reflexionou no papel que están a xogar as empresas nesta nova conxuntura na que as TIC xa son unha realidade, como xa formulara no seu libro Todo va a cambiar, que actualmente conta dunha edición social, deixando claro que o mundo da edición tamén pode adaptarse aos novos tempos.
A charla de Dans provocou unha excelente reacción do público, que participou dun xeito moi activo con numerosas preguntas para chamar á reflexión de distintos temas tanto dos expostos no relatorio como dos que habitualmente comenta o profesor do IE Business School no seu blog.
A esta actividade seguiulle Javier Megías, asesor da Comisión Europea e consultor en estratexias innovadoras para empresas e startups, que animou ao emprendemento como saída laboral ante a situación económica mundial, enfoque ao que tamén contribuíron pola tarde Luis Alberto Fernández e Xavier Castaño, xerente e vicepresidente de AGASOL, que ilustraron sobre as oportunidades laborais que achega o desenvolvemento de software libre.
As charlas da tarde remataron con Rubén Bastón, de Elogia, quen compartiu os seus coñecementos sobre marketing dixital cos presentes.
Visita ás instalación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, está a participar activamente no encontro Xuventude Galicia Net, difundindo as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para achegar a tecnoloxía ao maior número posible de persoas e empresas e integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade
Programa da Radio Galega

Durante a emisión do programa tamén se informou dun sorteo patrocinado por Blusens nos que a audiencia poderá facerse con distintos produtos de electrónica de consumo cedidos pola compañía con sede en Compostela.
Podemos escoitar o programa completo a continuación:

