
Este encontro toma por nome Workshop RAIA.co e busca achegar a desenvolvedores de aplicacións para móbiles e webs a visión da Xunta de Galicia sobre a información pública xeorreferenciada e as chaves de varios servizos xeorreferenciados en meteoroloxía e oceanografía en Galicia, así como o funcionamento dos servidores THREDDS (Thematic Realtime Environmental Distributed Data Service), unha ferramenta de conectividade entre provedores de datos científicos e posibles usuarios finais. A través desta ferramenta permítese o acceso público a datos de modelos operacionais coma os de MeteoGalicia ou os do proxecto MyOcean de Puertos del Estado, datos arquivados e datos externos doutros sistemas.
Entre os participantes no encontro, que xa ten aberto o seu proceso de inscrición, estarán representantes de institucións e empresas que desenvolveron páxinas web especializadas ou aplicacións para móbil como MeteoSIX, que permiten consultar predicións ou datos de observación meteorolóxicos e oceanográficos. Darán a coñecer as características dos seus traballos, concluíndo a xornada cunha mesa redonda na que se abordarán as oportunidades de negocio e emprendemento empresarial que poden achegar as coleccións de datos abertos que están publicando distintas administracións.
O CESGA acollerá un encontro sobre páxinas web e aplicacións móbiles de meteoroloxía
Compartir Este Artigo

