Aínda estamos a tempo para participar activamente, como público asistente pero achegando tamén o noso punto de vista (que diso se trata: de favorecer novos xeitos de participar que sexan como interactuar nas redes abertas sobre cultura aberta) na Libre Software World Conference (LSWC), o congreso internacional de open source que se celebra en Santiago os días 18 e 19 de outubro, na Cidade da Cultura, da man de AGASOL. Precisamente esta asociación galega empresarial, responsable da xuntanza, vén de comunicar que amplía o prazo para formalizar a inscrición no evento ata o día 12 de outubro.
A organización da LSWC deseñou este evento como un encontro para o debate, o intercambio de experiencias e de coñecemento derredor de solucións en software libre, “de maneira que non se trata dun evento dirixido unicamente a profesionais”, explican dende AGASOL, facendo fincapé na vontade de reproducir nun congreso, en todo detalle, o espírito que acompaña o traballo en rede sobre software libre e máis a súa difusión internacional.
Dende a Asociación de Empresas Galegas de software libre, o seu presidente, Alejandro Escobar, salienta ao fío do devandito (tirar barreiras para permitir a máxima concorrencia e repercusión) que “non tería sentido traballar tantos meses para un evento de software libre e dirixilo a xente que xa é especialista en software libre; o que pretendemos coa organización da LSWC en Galicia é, precisamente, difundir as vantaxes do software libre aplicado ao día a día das empresas, das oficinas, dos particulares, e de todas as persoas que están en contacto con mecanismos electrónicos”.
Por esta razón, AGASOL quixo ampliar o prazo de inscrición, que deberá realizarse a través da páxina web na que pode consultarse toda a información deste evento: dende os relatores, as ordes de intervención, ou a propia definición da LSWC, ata datos de interese sobre Santiago de Compostela ou a Cidade da Cultura, que acollerá este evento os días 18 e 19 de outubro.
Ampliado ata o día 12 o prazo para participarmos na Libre Software World Conference de Santiago
Compartir Este Artigo
