Cando unha empresa, sexa do sector que sexa, aposta pola lingua propia do lugar onde se empraza, amais de facer algo lóxico está a traballar por incrementar o seu valor como empresa no mercado, amosando marca de seu e elemento distintivo. Dito doutro xeito: a procedencia dunha compañía, o compoñente local, é un factor de crecemento e respecto nun escenario global. Así o entende A Mesa pola Normalización Lingüística, que cada pouco recoñece o labor a prol do galego despregado polas nosas empresas. Desta volta, vén de distinguir o compromiso dunha firma TIC, a firma Dimensiona, da que xa temos falado en Código Cero para falar das súas iniciativas de promoción do rural galego botando man de tecnoloxías como o GPS.
A firma de consultoría e asesoramento tecnolóxico-dixital Dimensiona, sinala A Mesa, foi incorporada á sección Abertos ao Galego (onde se acubillan as firmas que fan uso normalizado da lingua), por ter dado mostras continuas de respecto polo idioma e a cultura de seu, entrelazándoo con estratexias de revalorización do noso rural e do potencial turístico galego e de divulgación TIC.
Para A Mesa, o portal da Consellería de Medio Rural e do Mar, medioruralemar.xunta.es, o arquivo de poéticas contemporáneas na cultura poesiagalega.org, a aplicación de control de acceso aos equipos da Rede de Bibliotecas de Galicia, o arquivo dixital da Editorial Galaxia ou Traduza (unha ferramenta de tradución automática do español ao galego), son unha boa mostra dos seus traballos.
Por certo que o equipo de Abertos ao Galego visitou recentemente as instalacións de Dimensiona para coñecer a empresa de man dos seus socios, María Fernández e Camilo Regueiro. “Dimensiona é unha empresa que funciona case ao 100% en galego e que fan os seus traballos e se relacionan con clientes e provedores na nosa lingua, entendendo esta elección como algo natural, pois é a lingua que empregan os socios e polo tanto na empresa“, engaden fontes de A Mesa.
A Mesa felicita á empresa TIC Dimensiona polo seu uso normalizado do galego
Compartir Este Artigo
