Bruce Perens. fundador da Open Source Initiative, impartiu o relatorio de apertura do encontroComezou hoxe en Santiago, día 18, un dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada, tanto polas súas implicacións sobre o futuro do noxo xeito de acceder á información (que para os participantes no evento debera ser o máis libre, accesible e universal posible), como pola súa repercusión no eido internacional (asisten ao encontro expertos e usuarios de programación aberta de todo o mundo). Falamos da Libre Software World Conference 2012, unha xuntanza concibida como un obradoiro de experiencias e de intercambio de ideas, ao xeito (punto por punto) dun taller en liña de código aberto. A cita celébrase na Cidade da Cultura, nas instalacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, cuxa directora, Mar Pereira, presidiu a primeira hora da mañá o acto oficial de apertura. O encontro vén da man de AGASOL, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, co apoio de ASOLIF e da Xunta de Galicia. O programa, como dixemos os días pasados, será do máis completo, non deixando cuestión relativa á programación aberta por cubrir. No foro inscribíronse máis de 400 persoas, constituíndose este encontro como unha oportunidade de primeira orde para darmos conta do traballo, o coñecemento e a potencialidade dos distintos actores do software libre en Galicia. Ademais, sinalou AMTEGA os días pasados, o congreso supón “un punto de encontro e debate sobre novidades, iniciativas, e proxectos en software libre desenvolvidas a nivel internacional, grazas á participación de expertos e profesionais de distintos países”. O evento será tamén unha potente ferramenta de comunicación para a difusión do software libre aplicado a ámbitos como a economía, a sociedade e as administracións públicas. Mar Pereira, presidiu o acto oficial de aperturaComo dixemos, o acto de apertura das actividades contou coa presenza de Mar Pereira, directora de AMTEGA, que aproveitou a ocasión para salientar a potencialidade da programación aberta como “unha alternativa cada vez máis importante no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de envergadura tanto no sector público como no sector privado”. Segundo apuntou, esta é a estratexia que está a seguir, precisamente, o Goberno galego, “que leva anos apostando polo software libre” en iniciativas da Administración como o Proxecto Abalar (integración das TIC na educación) ou na Rede de Aulas CeMIT (tecido de espazos para a formación dixital de empresas e para cidadáns). “Grazas a Abalar”, dixo, “desde o pasado mes de setembro 44.000 alumnos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola; e os 15.000 usuarios de CeMIT fórmanse en tecnoloxías con equipamento dotado de programas abertos”.
Aforro de 2,5 millóns de euros
Mar Pereira apuntou tamén que emprego
do software libre nestas iniciativas e noutras para o impulso da
Administración Electrónica permitiu un aforro de 2,5 millóns de
euros no período 2010-2011. A directora de AMTEGA salientou
igualmente que “estas non son actuación illadas senón que
forman parte dunha estratexia global para impulsar a programación
aberta que se plasma ano a ano en cadanseu Plan de Acción en materia
de Software Libre”.