Esta mañá botou a andar o congreso Os retos das cidades intelixentes, organizado por INEO, Asociación Multisectorial TIC de Galicia e inscrito no proxecto IntelligenTIC, liderado pola AEI de Seguridade e cuxo obxectivo é normalizar o concepto smart city en España, onde representantes das Administracións públicas, empresarios e axentes do sector TIC sinalaron como chave do desenvolvmento das smart cities a factores como o territorio, a tecnoloxía, a intelixencia e a innovación.
Este evento celebrado en Vigo inaugurouse cun almorzo de traballo no que participaron Teresa Pedrosa, delegada especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Jorge Cebreiros, presidente de INEO; José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP); Irene Garrido, voceira adxunta da Comisión de Economía do Congreso dos Deputados e Ignacio López Chaves, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.

Debate sobre as cidades intelixentes
As sesións que se desenvolven neste encontro contan coa presenza de destacados representantes das Administracións autonómica e central, como Mercedes Vinuesa, directora xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Mar Pereira, directora da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); José Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra ou Xosé Lago, subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza de la Xunta de Galicia; así como diversos axentes do sector TIC, representantes dos sectores empresariais clave para o desenvolvemento das cidades intelixentes e representantes de Smart Cities xa constituídas ou en constitución, como Valladolid, A Coruña, Ponferrada ou Vigo.
Presentación de avances tecnolóxicos nas Smart Cities
Un dos puntos máis destacados do congreso é a presentación das últimas innovacións tecnolóxicas desenvolvidas por empresas galegas e con aplicación directa nos ámbitos sinalados como prioritarios nas cidades intelixentes nos eventos demo que se celebrarán ao longo do evento. O congreso organizado por INEO é toda unha oportunidade para coñecer as innovacións máis recentes desenvolvidas por empresas TIC e para coñecer as súas posibilidades de desenvolvemento no ámbito das cidades intelixentes. Así, a empresa Contact Comunicación presentará ORAMA, un novo sistema de comunicación; a empresa Movendo intervirá para explicar como os smartphones poden mellorar unha cidade, a empresa Activo Grupo presentará WINDSMART, enerxía eólica para smart cities e a empresa SCIO Innovation Technologies presentará BILDTEC, un tradutor universal.

