O colectivo GALPon, comprometido coa difusión e promoción dos programas abertos na nosa terra, vai impartir os vindeiros días unha actividade formativa para permitirnos coller a rendas do código aberto. Ou sexa, para coñecer ben en que consiste, que vantaxes pon e xogo, que recursos concretos achega esta filosofía-opción de traballo en desenvolvemento e que posibilidades de emprendemento nos pon ao alcance da man. A actividade vén da man do Vicerreitorado de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo, e preséntase baixo o epígrafe Introdución ao Software Libre e GNU/Linux.
Este obradoiro insírese na programación de obradoiros do 2º cuadrimestre do curso 2012-2013 da Universidade. A actividade desenvolverase neste ano académico, dende o vindeiro 18 de febreiro ata o 17 de abril. O seu obxectivo, en detalle, é levarnos da man cara a un emprego e administración básicos en sistemas operativos e aplicacións en plataformas GNU/Linux: navegadores, editores, mensaxería, correo e outras ferramentas. Desenvolverase no Campus de Vigo, na sede da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, contándose cun máximo de 17 prazas.
Índice do obradoiro:
- Introdución histórica.
- Que é un sistema operativo? e que é GNU/Linux?
- Software Libre.
- Vantaxes e inconvenientes
- Que é unha distribución? Características dalgunhas delas.
- Instalación de sistemas operativos de Software Libre baseado en GNU/Linux.
- Os xestores de xanelas e de ficheiros, cal escoller.
- Engadir e quitar aplicativos.
- Navegadores e a súa configuración.
- Editores multimedia.
- Mensaxería instantánea.
- Correo electrónico.
- Procesadores de texto, follas de cálculo, presentacións.
- Outras ferramentas de uso cotián
- Administración do propio sistema de ficheiros.
- O terminal, a máis potente ferramenta de administración.
