
Un dos medios que está a facerse eco de boa parte da información que circula pola Rede é o The Wall Street Journal, que asegura que Sony vai aproveitar a tecnoloxía de Gaikai, compañía que mercaron o ano pasado por 380 millóns de dólares, para permitir que a nova consola poida gozar de xogos mediante streaming, o que aproveitarían para permitir gozar de xogos de consolas anteriores (mentres que os xogos da súa xeración chegarían en discos ópticos). A nova PlayStation tamén contará cunha cámara de maior resolución para poder levar a tecnoloxía PS Move un paso máis adiante.
O mesmo xornal tamén destaca que a tecnoloxía de Gaikai non só axudaría a poder gozar de xogos de PS3 na PS4, senón que tamén tería outras implicacións, como a posibilidade de achegar os xogos a smartphones e televisores, podendo gozar dende os mesmos do nivel gráfico dunha consola de videoxogos doméstica, e aproximándose moito á desaparición das consolas de videoxogos como tal, de xeito que o usuario tería pantalla e controlador, pero o núcleo da máquina estaría na nube.
No que ao prezo da futura consola se refire, dende The Times atrévense a asegurar que a nova consola será de saída máis barata que a súa predecesora, chegando a fixar o prezo de lanzamento en 300 libras (347,60 euros), o que sería unhas 100 libras por debaixo do prezo ao que chegou ao Reino Unido a PS3.
A PlayStation 4 podería permitir gozar de xogos de PS3 mediante streaming
Compartir Este Artigo
