
En concreto, sinala CENATIC, a investigación amosa a pegada económica inmediato en termos de aforro e produtividade que se obtén ao reutilizar código aberto por parte das institucións, e xestionar o seu sostemento e evolución a través de comunidades. Unha estimación á baixa destes efectos, cóntase, achega un resultado de 114.000 millóns de euros ao ano en aforros en Europa grazas a efectos como o aforro directo, a redución da taxa de fracaso nos proxectos, a mellora dos custos de mantemento (que equivale ao 30% do mercado global de software e servizos), e o feito de que ao reverter estes aforros de forma interna en tecnoloxía, créase unha mellora en termos de produtividade e eficiencia de polo menos 342.000 millóns de euros anuais, “o que constitúe unha contribución decisiva ao medre da economía europea”, infórmase na investigación, cuxo valor reside tamén, polo tanto, no feito de ter convertido en visible o que ata o de agora fica entre brétemas: o cálculo concreto do aforro procedente dos recursos TIC abertos. Este cómputo era materia pendente, e máis tendo en conta a gran cantidade de variables implicadas no uso ou reutilización de código, xa sexa para crear novos programas, utilizar ou migrar, facelo en solitario ou en colaboración, apoiarse ou non nunha comunidade de desenvolvemento, etc.
O presente informe, engade CENATIC, baséase en datos públicos, procedentes de investigacións e estudos estatísticos da comunidade científica, diversas métricas de enxeñaría de software dispoñibles e o uso de índices coñecidos ou estimables como a porcentaxe de gasto en software en Europa, así como a súa distribución. A partir da escolma destes datos e diversas colaboracións coa Universidade de Oxford, CENATIC desenvolveu un modelo e unha metodoloxía que permite estimar aforros derivados da reutilización de código e mellorar a sustentabilidade dos mesmos en todos os ámbitos tecnolóxicos, especialmente no sector público.
Polo tanto, o estudo achéganos unha cifra estimada de 114.000 millóns de euros ao ano. “Neste cálculo”, engaden os seus responsables, “considerouse ademais o custo dos riscos asociados a incorporar software de terceiros no desenvolvemento, e o custo de adaptar e incorporar devandito software, obténdose finalmente uns resultados sorprendentes: o volume de negocio total do mercado TIC europeo estímase en 374.000 millóns de euros/ano, e deles 224.000 millóns de euros/ano corresponden ao negocio total do mercado TIC europeo de deseño e desenvolvemento de software”. A mesma metodoloxía permitiu coñecer que da totalidade do código xerado, como media un 35% é software reutilizado e ademais de fontes abertas. E por tanto, só en custos directamente relacionados co propio desenvolvemento de código, o aforro a nivel europeo supón 75.000 millóns de euros ao ano.
O código aberto supuxo nas institucións europeas un aforro mínimo anual de 114.000 millóns de euros
Compartir Este Artigo
