Recentemente falamos en Código Cero do importante papel que están a xogar as tres universidades galegas, a nivel estatal (por moi enriba da media e situadas en cabeza da listaxe), en materia de difusión e compromiso a prol do software libre. Mención especial merecía a Universidade da Coruña, situada no terceiro posto da edición 2013 do ranking elaborado por PortalProgramas.com. Pois ben, co fin de botar un pouco de luz sobre os criterios nos que se baseou este recoñecemento á UDC, a universidade galega lémbranos este venres en que consiste o seu pulo á programación aberta.
Segundo explica, o feito de figurar no terceiro posto entre as 72 universidades españolas no uso do software libre débese sobre todo a criterios vencellados á divulgación e a investigación, tanto na cantidade de eventos celebrados e proxectos de investigación desenvolvidos sobre programación aberta nos que participou xunto con outras entidades como as colaboracións internacionais neste eido.
Tamén se tivo en conta o compromiso da UDC coa cultura do software libre no portal Mancomún, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, que destaca a segunda posición de Galicia neste ranking, mencionando como punto forte o criterio de axuda, no que as universidades galegas ocupan completamente o podio. Porén, tamén se salienta dende Mancomún e a UDC que os resultados, malia seren positivos e mellores respecto do ano pasado, aínda son mellorables. Así, atendendo ao IDSL das universidades galegas, que é un valor que indica o esforzo de cada universidade por difundir o software libre, sitúase en primeiro lugar a UDC cunha puntuación de 60,63.
A UDC afiánzase na cabeza das universidades a prol do software libre grazas aos seus eventos de divulgación e os proxectos de I+D
Compartir Este Artigo
