Para axilizar e facilitar a implantación da tecnoloxía NFC a SD Association vén de introducir entre as súas especificacións para tarxetas microSD (en capacidades SD, SDHC e SDXC) a posibilidade de integrar este tipo de conectividade engadindo SWP como elemento seguro (ou sexa, engadindo protección con PIN) para permitir utilización de NFC para verificar a identidade ou autorizar pagamentos móbiles. Deste xeito os membros da SD Association poderán comezar a integrar NFC nas súas tarxetas microSD, que pasarían a chamarse smartSD Memory Cards, e facilitarían dotar de tal tecnoloxía a móbiles que non contan con tal prestación.
Con esta sinxela solución a realización de pagamentos co móbil podería popularizarse sen ter que agardar a unha profunda renovación do parque de terminais móbiles actual, propiciando o uso do móbil como moedeiro electrónico, o que podería levar a servizos como medios públicos de transporte a adoptar o NFC como o seu medio de pagamento habitual (o que xa fan nalgunhas cidades mediante tarxetas con NFC que poderían integrarse no móbil eliminando a necesidade de cargar con numerosas tarxetas de bancarias e de fidelización).
Vídeo de presentación das smartSD Memory Cards
As tarxetas microSD poderán integrar NFC
Compartir Este Artigo
