
Para dar conta desta conquista froito de máis de 7 anos de traballo por parte da sociedade galega en xeral, a Asociación PuntoGal convocou unha ronda de prensa o pasado sábado no Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, enclave considerado moi representativo para este tipo de anuncios (pois está frecuentado pola mocidade e destacou no seu día por ser o primeiro instituto compostelán no que se impartiron clases de Informática), nun acto no que o presidente da entidade, Manuel González, manifestou a súa satisfacción por ter superado as esixencias de ICANN para que sexa posible que o sufixo .gal lembre ao mundo a existencia dunha “comunidade que se chama Galicia e unha lingua que se chama galego”.

Durante este percorrido participouse nas xuntanzas internacionais da ICANN, para dar a coñecer entre os seus membros a existencia dunha lingua e cultura propias de Galicia, para convencelos da necesidade dun dominio .gal, facéndolles entender que a nosa lingua non só ten carácter oficial no noso territorio, senón que tamén goza de presenza fóra da comunidade autónoma. Para perseguir este obxectivo uníronse forzas con outras candidaturas lingüísticas e culturais, constituíndo un grupo de traballo (ECLID) no que tamén participaban vascos, escoceses, bretóns e galeses, para facer así forza en conxunto, o que está a dar os seus froitos pois Bretaña xa conseguiu o seu .bzh o mes pasado e o dominio .eus confirmouse ao mesmo tempo que o .gal.
Pero, aparte de facer presión ante ICANN, a Asociación PuntoGal tamén realizou un labor de cara á comunidade galega, realizando distintas campañas de concienciación para dar a coñecer á sociedade as vantaxes de contar cun dominio propio, buscando apoios individuais (sumando 12.835 a través da súa páxina web) e de entidades (114) e buscando apoio político (conseguindo que os gobernos galegos, os partidos políticos, os grupos parlamentarios galegos e mesmo o goberno do Estado manifestasen o seu respaldo á iniciativa).

Agora que xa estamos na recta final para que o .gal sexa unha realidade, González quixo destacar as moitas vantaxes que terá o contarmos cun dominio de noso, pois permite reivindicar as nosas lingua e cultura na Rede mediante o uso de tal sufixo, incremente a cohesión da sociedade galega, facilitará a localización de información relacionada co galego e a nosa cultura (o que incluso poderán aproveitar os buscadores de Internet para unha clasificación máis eficaz dos contidos en galego), boa parte dos ingresos económicos realizados pola compra de dominios de Internet volverán á nosa comunidade, contribuirá ao desenvolvemento das TIC en Galicia e permitiranos ter unha voz en certos organismos que gobernan a Internet. O presidente da Asociación quixo destacar que “o futuro do noso país en Internet é o futuro do noso país en moito máis que Internet, porque Internet significa moitas máis cousas que a propia informática, a propia Rede. Internet significa a comunicación, significa a visibilidade ao mundo enteiro. Eu creo que un país que non teña visibilidade en Internet, unha cultura que non teña visibilidade en Internet, ten un futuro moi negro”.

Nos vindeiros meses realizaranse distintas campañas de comunicación para dar a coñecer os prazos nos que cidadáns, entidades e empresas da nosa comunidade poderán realizar os seus rexistros baixo o novo dominio de primeiro nivel, que espera recibir milleiros de solicitudes durante o primeiro ano, converténdose nun referente para a nosa comunidade na Rede.
O dominio .gal será unha realidade en 2014
Compartir Este Artigo
