Anuncian a presentación da candidatura ante ICANN para termos un dominio de Internet para a lingua e a cultura galegas

martes, 29 de maio do 2012 Marcus Fernández

Esta mañá o auditorio da Biblioteca de Galicia sita na Cidade da Cultura acolleu un acto no que a Asociación PuntoGal anunciou que a presentación da candidatura para conseguir un dominio de Internet para a lingua e a cultura galegas ante o organismo pertinente (ICANN) realizouse formalmente en tempo e forma, polo que dentro duns meses pasará por un proceso de avaliación que podería facer posible que en 2013 puidésemos ter operativo o desexado .gal.
Este paso chega despois de 6 anos de traballo por parte da Asociación PuntoGal, que contou en todo momento cun grande respaldo da sociedade galega, das institucións máis relevante no sector cultural e da Administración, pois a Xunta de Galicia colaborou principalmente no financiamento das actividades da Asociación durante os últimos anos, que no último exercicio supuxo a achega de 213.000 euros, dos que 145.000 irían destinados directamente ao financiamento dos custos de matrícula da candidatura ante ICANN, mentres que o resto da contribución do Executivo galego terían como destino o financiamento dun avala esixido por ICANN e para as accións de difusión e participación nas actividades que ao redor do proceso celebraranse nos vindeiros meses.
Abriu a xornada Manuel González González, presidente da Asociación PuntoGal en representación da Real Academia Galega, quen fixo un repaso do labor desenvolvido pola Asociación nos últimos anos, agradecendo as contribucións que chegaron dende múltiples ámbitos e explicando algunhas das vantaxes que suporá o contarmos cun dominio .gal, que entre outras cousas serviría para incrementar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia.
González tamén quixo destacar a unanimidade coa que as forzas políticas galegas amosaron o seu apoio á iniciativa da Asociación PuntoGal (tanto dende o Goberno como dende a oposición), o que evidencia que ven esta oportunidades como un ben obxectivo para a nosa comunidade.

Importante apoio da Xunta de Galicia

Para facer visible o apoio da Administración, acudiron ao encontro desta mañá a director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Pereira destacou a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á Comunidade contar cun dominio propio na Internet, o que percibirase dende o mero feito de que parte dos cartos que se invisten anualmente na compra de dominios de Internet volverá a Galicia, ata a visibilidade que dará o uso dun sufixo na Rede que indique a proximidade dos produtos e servizos que se ofrezan dende Galicia.
Pola súa banda, Valentín García manifestou que ”acadar o dominio .gal é moi importante para a proxección do galego do mundo, e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de Internet”.

A experiencia do puntCAT

O director da Fundació puntCAT narrando a historia do .catPara axudar a ilustrar aos asistentes sobre o potencial dun futuro .gal, contouse coa presenza de Jordi Iparraguirre, director da Fundació puntCAT, que explicou a experiencia catalá neste ámbito. A 5 anos da aprobación do dominio de primeiro nivel .cat conseguiron superar os 55.000 rexistros baixo tal sufixo, conseguindo deste xeito o autofinanciamento do seu dominio na Internet e reinvestindo os beneficios acadados en actividades que contribúen á presenza do catalán na Rede, modelo que preténdese seguir tamén dende Galicia.
Iparraguire destacou que un dos elementos a destacar do dominio .cat é que, en vez de contar con moita cantidade de dominios de segundo nivel rexistrados, destacan pola súa calidade, xa que a cantidade de contidos que colgan de cada dominio é bastante elevada, situación moi diferente da que reflicten os dominios rexistrados baixo outros gTLD (dominios xenéricos de primeiro nivel).

Boas expectativas

Aínda que esteamos nun momento no que a economía está a encollerse, o sector da Internet continúa bastante vivo, e en 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un 10% máis que en 2010, o que dá a entender que de existir a posibilidade de rexistrar dominios baixo o .gal, estes tamén terían unha demanda importante, de xeito que non só concellos, administracións públicas e entidades de profundo carácter galego optarían nun principio a este sufixo na Rede, senón que moitos proxectos e iniciativas apostarían polo .gal en anos sucesivos para mellorar a súa proxección interior e tamén para distinguirse no exterior.

Coloquio sobre o impacto do .gal

Fotografía da mesa redonda captada por Sergio AramburuPara pechar a xornada, celebrouse un breve coloquio no que participaron o profesor Manuel Gago, director de Culturagalega.org e coñecido blogueiro; Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores; Víctor López, presidente da Asociación Galega de Empresas de Internet e Novas Tecnoloxías (EGANET); e Jordi Iparraguire, director da Fundació puntCAT; moderados por Marcus Fernández, subdirector e webmaster de Código Cero. Os distintos oradores quixeron destacar as bondades de termos un dominio .gal dende os seus respectivos puntos de vista, de xeito que mentres Víctor López abordou a potencialidade dun dominio galego como unha posibilidade para as nosas empresas, Manuel Bragado e Manuel Gago quixeron centrase no seu potencial para dar visibilidade ás nosas lingua e cultura.

Manuel Gago comentando a Marcus Fernández a polémica xurdida en 2008 con Google nunha imaxe de Sergio Aramburu

Manuel Gago tamén quixo lembrar a polémica creada pola discriminación que está a facer Google coa nosa lingua dende unha modificación do seu funcionamento ante usuarios que acceden ao seu buscador en español dende o ano 2008, claro exemplo de que debemos fornecer o galego na Rede para evitar que os contidos na nosa fala queden nun segundo plano, afastados tanto dos galegos como do resto do mundo, que teñen na web unha canle moi axeitada para descubrir as moitas faces da nosa cultura.

Os vindeiros pasos

Tras a presentación da candidatura para termos un dominio xenérico de primeiro nivel para a lingua e cultura galegas, agora toca agardar á avaliación de ICANN, que de resultar positiva (o que parece seguro, por terse demostrado que dende Galicia podemos superar as esixencias económicas, técnicas e administrativas) levaría a un proceso de lanzamento do dominio .gal, para o que habería que desenvolver un regulamento para o funcionamento do mesmo e a apertura de prazos que garantan un bo funcionamento inicial, de xeito que antes dun rexistro libre, contarase cun prazo para que empresas, institucións e marcas poidan realizar as súas peticións de rexistro. Deste xeito conformarase un mecanismo con garantías para que nos vindeiros anos poidamos ter un dominio representativo das nosas lingua e cultura, que poderemos empregar como bandeira na Internet.

PUBLICIDADE