O Palacio de Exposicións e Congresos de A Coruña (PALEXCO) acolle dende hoxe e ata o vindeiro domingo a primeira edición de Hobby Con, unha feira multidisciplinar protagonizada polo lecer alternativo, no que o mundo do cómic, a animación, os xogos de rol, a ciencia ficción e os videoxogos danse cita para compartir experiencias, contemplar exposicións, asistir a conferencias, competir en distintos xogos e realizar compras.
Esta curiosa feira conta con máis de 50 expositores repartidos nos máis de 5.000 metros cadrados do recinto coruñés e que conta con máis de 20 entidades colaboradoras entre as que figura o Concello da Coruña, a embaixada do Xapón, o Ministerio de Sanidade e Nintendo.

Durante os vindeiros días desenvolveranse no marco da Hobby Con sesións de karaoke, partidas de trivial de distintas temáticas, concursos, campionatos de videoxogos, charlas… á vez que será posible participar en moitas actividades libres, e mesmo achegarse ao mundo das consolas de videoxogos clásicas, entre as que hai varias xoias que están ao alcance dos asistentes para poder lembrar ou descubrir como se xogaba nos anos 80.
Durante a tarde do venres o Auditorio Arao, no segundo andar do PALEXCO, servirá para acoller unha charla do youtuber coruñés Wismichu (que suma máis de 300.000 subscritores en YouTube), que pretende realizar un dos seus populares Chatroulettes; o estudio de videoxogos Gato Salvaje tamén falará dos seus proxectos e conversará mediante videoconferencia co guionista de videoxogos Greg Rucka; e incluso realizarase unha introdución ao mundo da dobraxe da man de José Antonio Rubal Pernas (a voz de Son Goku na TVG).
No que respecta ao mundo dos videoxogos, en Hobby Con hai unha completa área de xogos, na que están a disposición do público numerosas consolas de videoxogos de Nintendo, como a 3DS e a Wii U, para poder probar os últimos éxitos da compañía nipoa; aínda que tamén están presentes numerosos equipos clásicos e consolas máis actuais nas que poder competir con outros asistentes en torneos de xogos que van dende o vello Super Bomberman 2 de Super Nintendo ata o Super Street Fighter IV Arcade Edition de Xbox 360, pasando por Pokémon Blanco y Negro 2 ou Puzzle Fighter de PS3. Unha cita imprescindible para os afeccionados ao mundo dos videoxogos e a súa cultura.
Comeza na Coruña o feira Hobby Con, con grande presenza da cultura do videoxogo
Compartir Este Artigo

