Imaxe dunha xornada de difusión do software libre organizada por MeLiSA en MelideA Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), no marco no Programa de Voluntariado Dixital, pon en marcha o proxecto Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos, que botou a andar nos últimos días no Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo) e que tras o verán estenderase aos 7 centros penitenciarios de Galicia buscando a promoción da inserción laboral dos reclusos á saída de prisión, ofrecendo aos asistentes formación práctica no ámbito das TIC e o eido do software libre. A primeira aplicación práctica desta actividade formativa será de reparación de equipamento informático, que pasará a formar parte dunha nova aula informática con software libre da prisión de Monterroso. O programa formativo estrutúrase en 3 obradoiros tecnolóxicos, que permitirán que os internos das cadeas galegas adquiran coñecementos básicos para poder identificar os compoñentes dun ordenador, instalar e configurar un sistema operativo libre. Estes obradoiros desenvólvense durante 3 días, e os seus asistentes seleccionaranse entre un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, en colaboración coa dirección de cada centro.