A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) celebrou por décimo ano consecutivo os seus Premios para salientar os proxectos galegos do sector TIC que pola súa actividade punteira, a súa capacidade innovadora e o seu impacto económica e social merezan estar presentes neste escaparate que é unha excelente mostra do volume de proxectos tecnolóxicos que se están a desenvolver dende Galicia.
O acto de entrega dos X Premios EGANET estivo conducido por Marisol Vázquez (Grupo
Affines) e Eloy Gesto (Escuela Inventa), promotores de OpenYourMindSCQ, e
comezou dando a coñecer o que consideraron merecedor de recibir o premio ao
mellor proxecto colaborativo TIC, que non foi outro que o Portal das Palabras, presentado
por Imaxín Software, a Real Academia Galega (RAG), a Fundación Barrié e CG
Produccións. Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, foi o encargado de agradecer
este Premio, salientado a importancia da palabra para a nosa cultura e
sociedade.
O premio á mellor aplicación software irá a parar a SmartNauTic,
un navegador náutico en realidade aumentada presentado por Human Soft; como
mellor proxecto de comunicación dixital premiouse o traballo desenvolvido no Castelo da Rocha Forte, unha iniciativa do
Concello de Santiago de Compostela; e como negocio en liña o máis destacado foi
o programa de fidelización e comercio electrónico de Disashop, Un
Puntazo.
Os devanditos premios foron elixidos por un amplo xurado de profesionais do
sector, pero para recoñecer ao mellor proxecto emprendedor TIC optouse polo
voto popular a través de Facebook, o que levou a subliñar o proxecto CreAPPcuentos, que nas últimas semanas
recibiu máis recoñecementos, como mostra do atractivo que ten esta solución para a creación
de contos personalizados dende tablets.
Os socios da Asociación tamén acordaron entregar este ano o Premio Especial
EGANET ao programa Banda Ancha da
Radio Galega, polo seu labor para divulgar entre os galegos o papel do sector
TIC na nosa sociedade. Recolleu o premio o director do programa, Xosé María
Fernández Pazos, quen tivo a ben destacar tanto a necesidade de divulgar sobre
tecnoloxía facendo uso da nosa lingua como a riqueza que ten o sector
tecnolóxico na nosa comunidade autónoma, como demostraron os centos de
proxectos que pasaron polo espazo radiofónico durante máis de catro anos.
O colofón da gala foi o tradicional discurso do presidente de EGANET, Víctor
López (AVA Soluciones Tecnológicas),
que deixou a súa habitual postura reivindicativa para amosarse máis optimista,
querendo transmitir a sensación de que estamos no bo camiño para poder saír da
crise actual.

