O pasado luns comentamos a posibilidade de que hoxe HTC presentase en sociedade a súa nova cámara deportiva e un smartphone orientado ás auto-fotos, e finalmente confirmáronse as previsións, sendo o produto máis diferente ao que nos ten afeitos HTC a nova cámara RE, que chegará ao mercado este ano a un prezo de 199,99 dólares e que pode levarse na man para facer fotografías e capturar vídeos sen necesidade de visor e facilitando o envío dos contidos ao smartphone para poder velos e compartilos rapidamente.
Esta pequena cámara con forma de periscopio pode tomar fotografías cun simple toque nun botón que, mediante unha pulsación, iniciaría a gravación de vídeo, e que conta tamén con funcionalidades como a realización de time-lapses ou cámaras lentas. A cámara RE pode emparellarse por Bluetooth cun smartphone con Android ou iOS para a transferencia dos contidos e incluso a súa edición, facilitando que poidamos gardar o material na nube ou compartilo a través da Internet.
Esta pequena grande cámara ten un sensor de 16 Mpíxeles capaz de gravar vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo, é resistente á auga (IPX7 de xeito ordinario e IPX8 con tapa para o obxectivo), a súa batería de 820 mAh é suficiente para a toma dun milleiro de fotografías e conta con conectividade Bluetooth 4.0 LE, Wi-Fi N e microUSB. Mide 96,7 x 26,5 milímetros e pesa 65,5 gramos.
Para poder empregar a cámara RE en distintos contornos vai contar con numerosos accesorios que facilitan levala na cabeza, no guiador da bicicleta, prendida na roupa ou incluso adherida a unha superficie plana. Tamén contará con cargadores e baterías externas.
Vídeo promocional da cámara RE
HTC Desire Eye
Pero a cámara RE non é o único produto de HTC orientado á imaxe, senón que o seu novo smartphone de gama media, o HTC Desire Eye, que destaca considerablemente por vir equipado con cámaras traseira e dianteira de 13 Mpíxeles con sensor BSI e flash LED de dobre ton (que se diferencian só na apertura e distancia focal da súa lente, por estar destinadas a disparar fotografías a diferentes distancias).
Este novo smartphone conta cunha pantalla Full HD de 5,2 polgadas, ten un potente procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb), 3 micrófonos (para a cancelación de ruído) e batería de 2.400 mAh.

O HTC Desire Eye comezará a distribuírse internacionalmente este mesmo mes.

