Aínda que xa temos nas tendas varios smartwatches con tecnoloxía Android Wear, aínda non está nada clara cal é a súa utilidade, pois precisa de aplicacións que sexan de grande utilidade para potenciar tal plataforma, o que en boa medida é responsabilidade dos desenvolvedores, e para poder servir de mostra do potencial desta tecnoloxía poñible teremos a primeiros de novembro un par de maratóns de programación en Compostela e Vigo.
Polo momento só está fixada a celebración da Android Wear Hackathon na sala de xuntas da Facultade de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que botará a andar o 7 de novembro ás 12:15, cando terá lugar unha pequena presentación sobre o funcionamento básico de Android Wear, para que logo se vexa o proxecto Midiadia. Durante a xornada presentaranse aplicacións desenvolvidas con Android Wear, seleccionándose as mellores que optarán a premios consistentes en smartphones e reloxos de pulso con Android.
O día anterior, 6 de novembro, está prevista a celebración dun evento co mesmo formato en Santiago de Compostela, estando pendente de fixarse o lugar en concreto onde terá lugar.
Compostela e Vigo acollerán sendas hackatons de Android Wear
Compartir Este Artigo

