Entre as entidades recoñecidas onte en Santiago cos Premios Galicia 2015 Sociedade da Información atopouse, como dixemos dende Código Cero, a Deputación de Lugo. A distinción entregada pola Fundación SOCINFO, que foi recollida pola vicepresidenta segunda Lara Méndez, salienta en palabras da Deputación “a traxectoria do organismo provincial no impulso das tecnoloxías da comunicación ao servizo dos cidadáns para mellorar a eficacia e actividade administrativa, a transparencia na xestión do público e a calidade democrática”. O premio veu dado por SOCINFO, unha entidade destinada a amosar e recoñecer os valores da Sociedade da Información e das institucións, empresas e profesionais que velan por ela. De feito, os galardóns entregados onte representan a vertente deste compromiso aplicado a Galicia.
Para a Deputación de Lugo, o recoñecemento é un xeito de valorar positivamente oito anos de traballo en proxectos TIC, iniciativas como Innova-TE (eAdministración para a Deputación e os Concellos, acadando institucións abertas as 24 horas), Dinamíz@TE (novas tecnoloxías para autónomos e PEME da provincia de Lugo), Satelíz@TE (Internet para o rural) ou Sempre en Activo (envellecemento activo con formación sobre as TIC para maiores nos fogares), entre outras iniciativas. Asemade, a Deputación lembra que foi a primeira en España en ter orzamentos participativos, abertos a través da Internet. E engade: “A de Lugo é a Deputación de Galicia con máis seguidores en Twitter, con case 5.000; ao tempo que se converteu no primeiro organismo provincial de España en abrir conta institucional en Instagram (@depulugo)”.
A Deputación de Lugo, premiada polo seu pulo ás TIC
Compartir Este Artigo
