
Gradiant, centro tecnolóxico con sede en Vigo, celebrará o próximo 10 de novembro na súa cidade o evento de peche do proxecto europeo IcareWounds, que lidera o centro galego e no que participa o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). A xornada reunirá a representantes do ecosistema europeo de innovación sanitaria para analizar como a intelixencia artificial pode contribuír a mellorar o tratamento das feridas crónicas e avanzar cara a unha atención sanitaria máis eficiente e personalizada.
Na cita presentaranse os principais resultados e aprendizaxes de IcareWounds, unha iniciativa orientada ao desenvolvemento e validación dun modelo de atención integrada para mellorar a eficiencia e a sustentabilidade do tratamento das feridas crónicas mediante o apoio de ferramentas dixitais e tecnoloxías de IA.
“As ferramentas baseadas en Intelixencia artificial de IcareWounds permiten clasificar os tecidos presentes en cada ferida e suxiren opcións de tratamento personalizados baseándose en guías clínicas internacionais. Ademais, a plataforma dixital creada permite levar un seguimento constante dos pacientes e a monitoraxe da progresión das súas feridas, entre outras melloras como a xestión eficiente das citas. Tamén permite aos profesionais proporcionar recomendacións de coidado integral aos pacientes e os seus coidadores (por exemplo, de hixiene ou nutrición), indo máis aló do propio tratamento local no momento da cita”, segundo apunta a investigadora Shaila Calvo dende Gradiant.
Segundo engade, IcareWounds contribúe a avanzar cara a unha atención máis personalizada e integral, proporcionando aos profesionais sanitarios ferramentas de apoio á toma de decisións clínicas que favorecen a recuperación dos pacientes e unha xestión máis eficiente dos recursos sanitarios. Ademais, a iniciativa traballa para reducir a variabilidade no manexo destas lesións e facilitar “unha atención máis coordinada, adaptada ás necesidades de cada paciente e baseada no coñecemento clínico coa achega das capacidades tecnolóxicas”.
O proxecto, apuntan dende Gradiant, “reflicte o potencial da intelixencia artificial e as solucións dixitais para apoiar os profesionais sanitarios e mellorar os procesos asistenciais, sempre desde unha perspectiva centrada nas persoas.”
Colaboración entre tecnoloxía, práctica clínica e industria

A colaboración entre tecnoloxía, práctica clínica e industria será un dos eixos do encontro no que estarán presentes representantes das organizacións que integran o consorcio de IcareWounds: a Universidade LUT (Finlandia), o Instituto de Investigación Galicia Sur, a Universidade Médica de Lodz e Sigoria Ltd (Polonia), University College Dublin e CyberEthics Lab (Italia) e o propio IIS Galicia Sur, así como profesionais sanitarios.
A partir da experiencia de IcareWounds, a xornada mostrará como a cooperación entre centros tecnolóxicos, organizacións sanitarias, empresas e usuarios finais pode contribuír a transformar a atención sanitaria e facilitar a aplicación de solucións innovadoras en contornas reais.
“Un dos piares fundamentais do proxecto foi a co-creación, un proceso no que participaron os diferentes socios relevantes para garantir que a ferramenta responda as necesidades reais dos usuarios finais. Este diálogo continuo permitiu adaptar o proxecto á práctica real, aumentando a aceptación da tecnoloxía e mellorando a experiencia de uso”, tal e como expresa José Manuel Rosendo, investigador principal que lidera este proxecto, pertencente ao grupo Calidade de Vida e Economía da Saúde (QoLE) do IISGS, e enfermeiro do CHOP de Pontevedra.
Ademais de compartir os resultados do proxecto, o evento promoverá un debate estratéxico sobre o impacto da intelixencia artificial na práctica clínica; o desenvolvemento de solucións dixitais fiables, seguras e centradas en profesionais e pacientes; a adopción de novas ferramentas por parte do sistema sanitario; os retos tecnolóxicos, normativos e asistenciais da saúde dixital, e a transferencia dos resultados de I+D+i ao mercado e ás contornas reais de atención.
“O encontro”, explica Gradiant, “combinará así a perspectiva tecnolóxica do consorcio coa experiencia clínica e asistencial dos seus participantes, poñendo de relevo a importancia da colaboración europea para desenvolver solucións dixitais innovadoras con capacidade de xerar un impacto tanxible no sector sanitario”.
