O Concello de Ribeira presentou este xoves unha iniciativa informativa que fai repaso do acontecido no municipio ao longo do ano que vén de rematar. Trátase de Ribeira Viva, e consiste nunha revista dixital que documenta e amosa a historia máis recente do concello (ou sexa: todo o acontecido en 2014) e que xa está á vista da comunidade internauta na páxina web municipal. A publicación foi dada a coñecer polo alcalde, Manuel Ruiz, quen debullou os detalles dunha revista que marca un antes e un despois na metodoloxía de comunicación empregada polo Concello. De feito, dixo, este ano optouse polo formato de revista dixital en contraposición ao formato en papel elixido para o anuario de 2013 e “en consonancia coa aposta do Goberno local polas novas tecnoloxías”.
Esta aposta, dixo, viuse recentemente constatada coa recente inclusión na Rede Innpulso tras ser nomeada Ribeira como nova Cidade da Ciencia e da Innovación. Volvendo á publicación, o alcalde dixo que o obxectivo é “seguir avogando pola transparencia e dar a coñecer á xente o que se está a facer”. A revista, explicou, ten 96 páxinas de extensión e unhas 375 fotografías, amais de estar artellada en tres seccións. Son as seguintes: Espazos de Progreso (adicada a infraestruturas, actuacións de seguridade viaria, labores de recuperación ambiental, xacementos arqueolóxicos, etc…), Crecer xuntos (sobre emprego, servizos sociais, xuventude, igualdade, educación, novas tecnoloxías,…) e Os Activos dun Pobo (que incide en tres piares: a cultura, o turismo e o deporte).
Nun plano máis detallado e concreto, a publicación achega contidos sobre o novo mercado de Ribeira (arestora en construción), os centros sociais de Oleiros e Carreira, a nova lonxa, a estrada de Xenxides a Corrubedo ou as actuacións levadas a cabo no castro da Cidá, onde os traballos dos arqueólogos permitiron sacar á luz un dos máis importantes complexos castrexos da nosa terra.
Por último, o Concello de Ribeira tamén informou que a revista está aloxada en Issuu.com, plataforma de revistas dixitais, nunha conta que ten carácter gratuíto. “A elaboración da revista tampouco tivo custe económico algún”, engadiu.
Ribeira publica en formato dixital o seu anuario 2014
Compartir Este Artigo
