O Concello de Camariñas debullou este xoves dúas iniciativas que botan man das novas tecnoloxías para permitir a máxima visualización dos potenciais turísticos deste municipio da Costa da Morte. Trátase, máis en detalle, dos proxectos Camariñas, o mar todo e Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño, dúas liñas de traballo desenvolvidas con fondos europeos (Grupos de Acción Costeira- GAC3 Costa da Morte) e cuxo obxectivo compartido é o de pór en valor os recursos de Camariñas, tanto os de terra coma os que lles son no concello certamente inseparables: os de mar. De feito, a cultura mariñeira é a columna vertebral de ámbolos dous proxectos.
Estes foron presentados en detalle pola tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Encaixe, Sandra Insua Rial; o xerente do GAC3-Costa da Morte, Guillermo González Díez; o concelleiro de Turismo, Sergio Caamaño Fernández; Eugenia Juncal e Pedro Tasende, representantes, respectivamente, de Valora Consultores e Aporta Comunicación, empresas responsables da execución dos proxectos.
Segundo se informou, as accións de Camariñas, o mar todo xa están rematadas e encamiñáronse á revalorizar o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar, “todo baixo unha mesma marca”. Unha das principais actividades que acubillou foi unha ferramenta TIC que brinda información salientable do concello costeiro: trátase dunha plataforma na nube habilitada no dominio camarinas.mobi que ten conexións directas ás principais redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). A idea era permitir que cun teléfono intelixente puidésemos ter a posibilidade de acceder a vídeos, fotos, textos e arquivos de son dende calquera dos cincuenta puntos do roteiro sinalizado e xeolocalizado no litoral de Camariñas, e todo a través da lectura de códigos QR, o acceso á web móbil e e a realidade aumentada que achega Layar. Ao abeiro de Camariñas, o mar todo tamén se dispuxo un punto de información multimedia no faro de Cabo Vilán e levouse a cabo a nova web turística local, www.turismocamarinas.net, dispoñible en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés) e acubillando todos os contidos do proxecto.
Durante o acto tamén se presentaron os resultados do proxecto GAC Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño, a principal zona marisqueira de Camariñas. O obxectivo do proxecto foi realizar “unha urbanización respectuosa co medio nesta área recreativa para mellorar as condicións de traballo das mariscadoras e o acceso de visitantes e bañistas”, informouse no acto convocado polo Concello, que tamén deu a coñecer que está en execución outro proxecto con fondos europeos sobre Man, o alemán de Camelle, a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: Posta en valor do porto pesqueiro de Camelle. Man: mar, arte, cultura e natureza. O proxecto abrangue entre outras cousas a creación da páxina web www.mandecamelle.com.
Camariñas amosa os seus traballos de revalorización do patrimonio e da paisaxe pola vía das TIC
Compartir Este Artigo
