Catro novas empresas centradas en produtos e servizos personalizados forman parte do ourensán Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, que xa conta dende agora cun número de 86 negocios. As novas firmas desenvolverán a súa actividade nos sectores da edición dixital, as artes gráficas aplicadas ao téxtil, a consultoría para a mellora da produtividade e o desenvolvemento de software a medida.
A empresa Serigrafiarte, con 12 anos de traxectoria no sector das artes gráficas, traslada a súa actividade ao Parque Tecnolóxico de Galicia para adaptar a súa produción ao modelo avanzado que está a deseñar a través dun proxecto de innovación en colaboración con varias empresas galegas e a Universidade de Vigo. A nova plataforma que están a desenvolver e que agardan poñer en funcionamento no verán será unha tenda virtual na que o cliente poderá ver como queda o seu deseño sobre a prenda elixida, comprobar o stock e obter o prezo final e o prazo de entrega, todo en cuestión de minutos. Unha vez realizado o encargo, poderá seguir e modificar o pedido en tempo real. Amais, no prazo dun ano a empresa conta con traballar con varios deseñadores españois para ter unha carteira de patróns propios, informa a Tecnópole.
En canto ás outras tres empresas, dicir que se instalarán na incubadora de empresas da Tecnópole na súa condición de iniciativas de emprendemento. Trátase da editorial dixital Tendeus, que ten entre as súas futuras liñas de negocio a elaboración de guías de viaxe personalizadas, sendo o seu produto resultante unha guía dixital configurada segundo as preferencias e plans do viaxeiro, totalmente actualizada e adaptada ao dispositivo que vaia empregar (smartphone, tableta, ebook, etc.). Segundo informan fontes da Tecnópole, esta proposta enmárcase nun plan de traballo centrado na edición, publicación e distribución de contidos dixitais como libros electrónicos, co propósito de facilitar a chegada ao mercado dos escritores noveis e un acceso rápido e económico ás súas obras por parte dos lectores. O plan de negocio de Tendeus prevé que a actividade empresarial evolucione cara a unha plataforma de comercio electrónico global na que, ademais de distribuír libros electrónicos, as pequenas empresas galegas poidan ofertar todo tipo de produtos a nivel mundial.
Tamén no sector das TIC se atopa Global JDS, especializada en solucións de software a medida, a cal desenvolverá na Tecnópole varios proxectos de innovación relacionados coa xestión intelixente de almacéns e con sistemas de pagamento máis seguros por internet a través dun lector de tarxetas.
E para rematar falamos de Senda Lean Consultores, que se instala na Tecnópole co obxectivo de ofertar solucións personalizadas a empresas que precisan mellorar a súa produtividade para ser máis competitivas. Segundo os seus promotores, mediante unha metodoloxía que intervén introducindo a innovación sobre todos os procesos e operacións da empresa, conséguese optimizar o rendemento e a eficacia do traballo.
Os servizos e produtos especializados son o eixo común das catro novas empresas da Tecnópole
Compartir Este Artigo
