Cruz Vermella e Vodafone España veñen de lanzar a adaptación aos móbiles de última xeración do servizo de asistencia que a ONG achega dende hai 25 anos. A novidade desta iniciativa de atención remodelada e actualizada aos novos tempos (Teleasistencia Móbil da Cruz Vermella con Smartphone de Vodafone) reside en que poderase integrar nas liñas particulares dos clientes da operadora a través dun teléfono smartphone. O servizo está dirixido a persoas maiores e dependentes, doentes crónicos, persoas con diversidades funcionais ou que na súa vida cotiá e nas súas saídas ao exterior precisen do acompañamento de profesionais, amigos ou familiares. Neste caso, sinala Vodafone, o acompañamento vén a través do terminal móbil.
O sistema tamén permite (a través dunha liña telefónica e cun equipamento de comunicacións e informática específico) que as persoas que reciben este servizo poidan pedir axuda en situación de emerxencia sanitaria ou social, durante 24 horas ao día e en calquera lugar, “co único xesto de apertar un botón”, informa a operadora, que tamén lembra que a colaboración coa ONG vén de antigo e tense materializado en diversas iniciativas solidarias e tamén en proxectos conxuntos como Formación e optimización do uso das Redes Sociais, os computadores e Internet polas persoas maiores, encamiñado a posibilitar que as persoas maiores aprendesen a moverse pola Rede e se servisen da Internet para mellorar a súa vida en aspectos como o lecer, o tempo libre, a comunicación e as redes sociais.
Segundo engaden Vodafone e a Cruz Vermella, o novo servizo de teleasistencia protexerá e axudará aos cidadáns de idade e dependentes, conferíndolles máis autonomía e dándolles seguridade e tranquilidade. Isto será extensible tanto para as persoas usuarias como para os seus familiares, grazas sobre todo á localización exacta vía GPS e a través da rede de Vodafone.
O sistema, que estará xestionado por Cruz Vermella, estará dispoñible para quen teña un contrato Vodafone, un smartphone activado pola operadora e máis a aplicación descargada de Teleasistencia (instalación que será levada a cabo polo persoal da Cruz Vermella).
A tecnoloxía funcionará así: o usuario, en caso de necesidade, premerá a cruz vermella que aparece na pantalla do móbil xerándose unha chamada de balde á Cruz Vermella e, mediante esta chamada, a ONG verá a localización exacta do usuario (grazas á tecnoloxía GPS e á rede de Vodafone) e a súa ficha: nome, apelidos, idade, domicilio, doenzas se as houbese, etc., procedendo así de contado á atención de usuario.
Salientar que o servizo está dispoñible en galego na web de asistencia a distancia da Cruz Vermella.
Cruz Vermella e Vodafone achegan un sistema de teleasistencia dende o móbil
Compartir Este Artigo
