A Universidade de Vigo vén de dar conta da súa participación no Foro Transfiere 2015, en palabras da institución académica galega “o principal evento da transferencia de coñecemento entre o tecido investigador e o empresarial”. Segundo fixo saber, o encontro celebrouse os pasados mércores e xoves en Málaga e contou coa asistencia de 2.300 profesionais, 450 empresas e organismos públicos e representantes de 26 países. Nesta cita, a Universidade contou con expositor propio e participou en varias mesas sectoriais para dar a coñecer as liñas de investigación, os grupos de traballo e o potencial de transferencia, amosando tamén as patentes xeradas polos expertos e expertas dos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra).
O director da Área de Transferencia, José Luis Alba, foi o representante institucional da Universidade no foro. Trala súa participación nun bo número de xuntanzas e presentacións, cualificou a presenza viguesa nesta mostra como “un investimento de futuro do que agardamos que nos vindeiros meses comecemos a ver froitos”. Alba explicou que nesta cuarta edición os contidos pivotaron sobre I+D e converxencia no mercado global, o papel das plataformas tecnolóxicas e o emprendemento vinculado ao I+D. O evento contou coa presenza e participación de profesionais independentes e representantes de empresas multinacionais e PEME, administracións públicas, universidades e centros de investigación universitarios, Organismos Públicos de Investigación (OPIS) e centros tecnolóxicos, plataformas tecnolóxicas, centros europeos de empresas innovadoras (Ceeis), clústers e parques científicos e tecnolóxicos.
Tamén tiveron lugar xuntanzas que xiraron arredor de sectores produtivos punteiros, como o agroalimentario, a enerxía, a industria, infraestrutura e transportes, medio ambiente, sanidade e TIC. A estes sumouse por primeira vez o sector aeronáutico e aeroespacial, “eixo estratéxico para a Universidade de Vigo, como tamén o é a enerxía e o medio ambiente ou o sector agroalimentario e as TIC”, sinalaron fontes da institución académica galega, que engadiron que a Universidade foi ademais “unha das catro que tiveron un expositor propio neste foro, espazo co que tamén contaron algúns campus de excelencia internacional de universidades españolas”.
A Universidade de Vigo deu a coñecer en Málaga a súa experiencia en transferencia tecnolóxica
Compartir Este Artigo
