
O seu xeito de operar, infórmase, “marca o inicio dunha nova etapa na evolución da actividade dos crimes dixitais”. Este punto de inflexión establece unha metodoloxía baseada no roubo de diñeiro directamente nos bancos e evitando chegar aos usuarios finais. Segundo informa Kasperksy, “dende 2013, estes cibercriminais tentaron atacar ata 100 bancos, sistemas de pago e outras institucións financeiras nuns 30 países”. Arestora, aínda se están a rexistrar novos intentos de roubo internacional.
Segundo os datos da empresa de seguridade, os obxectivos de Carbanak inclúen organismos financeiros en Rusia, EE.UU., Alemaña, China, Ucraína, Canadá, Hong Kong, Taipei, Romanía, Francia, España, Noruega, India, Reino Unido, Polonia, Paquistán, Nepal, Marrocos, Islandia, Irlanda, República Checa, Suíza, Brasil, Bulgaria e Australia. Ademais, estímase que as maiores sumas de diñeiro obtivéronse intervindo bancos e conseguindo roubar ata dez millóns de dólares en cada incursión. De media, cada furto levou entre dous e catro meses, desde que se infecta o primeiro equipo da rede corporativa do banco ata facerse co diñeiro. Kaspersky tamén informa que os integrantes da banda foron quen de dar o chimpo á rede interna das entidades e localizar os computadores dos administradores para seguilos a distancia, o que lles permitiu ver e gravar todo o que acontecía nas pantallas do persoal que atendía os sistemas de transferencia de diñeiro en efectivo.
Máis en detalle, comezaban accedendo ao computador dun empregado a través da fórmula do spear phishing, unha estafa focalizada por correo electrónico cuxo propósito é obter acceso non autorizado a datos confidenciais, infectando á vítima co programa Carbanak. Os estafadores empregaron sistemas de pago internacionais de banca en liña para transferir diñeiro das contas dos bancos ás súas. Nalgúns casos, tamén se depositaba o diñeiro roubado en bancos en China ou América. Ademais, eran quen de penetrar no miolo dos sistemas de contabilidade, inflando os saldos en contas antes de embolsarse os fondos adicionais a través dunha transacción fraudulenta.
Desvelan que a cibermafia Carbanak foi quen de roubar 1.000 millóns de dólares en 100 bancos
Compartir Este Artigo
