A Biblioteca da Universidade de Murcia vén de pór en marcha a Plataforma LEO (Libros Electrónicos Online) en colaboración con outras universidades estatais. Con este servizo, no que participa a editorial universitaria (Editum), ponse a disposición dos usuarios a posibilidade do intercambio e do empréstito de ebooks académicos. Segundo nos conta a empresa galega Xercode, o sistema LEO apóiase de xeito directo sobre Xebook, plataforma aberta de seu. O obxectivo é achegar ebooks aos lectores e compartilos coas universidades de Santiago, Burgos, Cádiz e Salamanca, ofrecendo aos usuarios das cinco institucións o intercambio científico e préstamo de balde das obras publicadas.
A Biblioteca Universitaria implantou a maiores un sistema de selección e adquisición de libros dixitais, dirixidos especialmente aos estudantes de grao e máster, que se pon a disposición dos usuarios cun funcionamento análogo ao préstamo de papel. O fondo inicial da Biblioteca, sinala Xercode, componse de 800 exemplares, que se irá ampliando coas sucesivas compras que se realicen.
A plataforma presentouse no Reitorado da Universidade de Murcia nun acto ao que asistiron o reitor, José Orihuela, e o vicerreitor de Comunicación e Cultura, José Antonio Gómez, e onde se presentou tamén a renovación da páxina principal da web da institución docente.
A Universidade de Murcia apóiase na tecnoloxía galega Xebook para achegar a Plataforma LEO de libros dixitais
Compartir Este Artigo
