
A D3Mobile vai á procura de que escolares de todo o mundo participen nunha competición por equipos a través da que se estimula a súa vocación e capacidade científica, segundo o mesmo reitor da USC.
Os estudantes inscritos aprenderán, con axuda do seu profesor e vía e-learning, unha metodoloxía que, con apenas dúas tardes de estudo, permitiralles facer modelos 3D virtuais a escala de calquera obxecto a partir de fotografías tomadas co seu móbil, relatou Juan Viaño na presentación da nova edición deste certame internacional no marco dun acto desenvolvido no auditorio da Casa do Saber de Lugo e retransmitido en directo a todo o mundo a través de internet.
Pola súa banda, o director da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, quen aproveitou a súa estadía en Lugo para asinar co reitor da USC un convenio para o desenvolvemento da D3Mobile 2015; o director do Centro Español de Metroloxía do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, Fernando Ferrer Margalef; o director xeral de Educación, formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; o deputado delegado das áreas de Cultura, Turismo, Educación e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta, tamén participaron na presentación da nova edición da D3Mobile Metrology World League 2015.
Así, unha vez rematado o prazo de matrícula e cando bote a andar a competición (segundo o calendario xa dispoñible na web) cada equipo deberá realizar pequenos experimentos nos que modelará en 3D un obxecto de dimensións coñecidas. Unha análise estatística básica dos erros nas medicións de sucesivos experimentos, permitirá determinar como acadar mellores resultados (con que móbil, facendo cantas fotos…) e ser máis competitivos, explicou o director deste proxecto, o profesor e integrante do grupo de investigación Uscan3d da USC, Juan Ortiz, quen indicou que o equipo gañador será o que acade unha meirande calidade métrica e visual nas distintas probas que deberán superar.
E cales serán os premios desta D3Mobile Metrology World League 215? Pois o valor dos agasallos establecidos para os equipos gañadores nas distintas seccións ou categorías do campionato supera os 11.000 euros. Cómpre dicir que case todos os galardóns consisten en produtos e artigos tecnolóxicos, entre os que salientamos as novas achegas recibidas da empresa BQ: reproducións en impresora 3D do modelo virtual aos integrantes e ao centro do equipo gañador. Haberá premios para os equipos mellor clasificados de Lugo, de Galicia, de Latinoamérica e do Mundo. Asemade, nesta edición, que ten como padriño de honra un dos futbolistas máis senlleiros da selección española de fútbol, campión de Europa e do mundo, o equipo gañador recibirá tamén como premio unha camiseta e dúas gorras asinadas por este futbolista.
A D3Mobile Metrology World League 2015 a piques de comezar e co apoio de Vodafone
Compartir Este Artigo
