
Entre as principais novidades desta edición os responsables da feira anunciaron que por primeira vez vanse celebrar diferentes charlas específicas de orientación universitaria, organizadas pola propia dirección da escola viguesa en colaboración con AEMPE, dentro dos ámbitos tecnolóxico e xurídico-social, co obxectivo de ofrecer aos futuros universitarios información de primeira man sobre cada titulación. A finalidade estas charlas é permitir que o alumnado coñeza de preto o que se fai en cada titulación. Organizadas con formato de mesas redondas celebraranse de xeito simultáneo o venres 27 de febreiro entre as 11.00 e as 12.30 horas e nelas participarán representantes dalgunhas das titulacións máis demandadas polos estudantes.
A dirección da escola aproveitou tamén para anunciar a posta en marcha da 1ª Competición de Robots, unha iniciativa dirixida a achegar a universidade ao alumnado de ensinanza secundaria e bacharelato, ademais de dar a coñecer as titulacións da escola e fomentar o interese do alumnado polos estudos de enxeñaría. Esta actividade organízase en colaboración coa Rama de Estudantes que ten na escola o IEEE, Institute of Electrical an Electronics Engineers.
A competición celebrarase “con toda probabilidade” no mes de abril na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial e contará con dúas categorías: Wall-E, dirixida a alumnos matriculados en ESO ou bacharelato, e R2D2, para o alumnado de formación profesional de ciclo superior e titulacións universitarias. En datas vindeiras publicaranse as bases do concurso e tamén os premios para os gañadores. Dependendo da categoría, haberá probas máis sinxelas e outras máis elaboradas coas que pór a proba as destrezas e habilidades dos futuros profesionais.
Enxeñería Industrial de Vigo anuncia a súa participación en EDUGAL e un concurso de robots
Compartir Este Artigo
