
Outro dos programas foi InnoCámaras, un plan que axuda a autónomos e PEME a impulsárense cara adiante mediante o asesoramento de balde e as axudas directas á innovación, con financiamento dun 80 por cento do plan de apoio a este impulso tecnolóxico. Segundo apunta a entidade, foron admitidas en 2014 un total de 51 empresas. O programa continuará executándose ao longo deste ano.
Outra liña de traballo foi a de TICCámaras, que ten por obxecto impulsar a incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas competitivas claves na estratexia das PEME participantes. En 2014 participaron no programa 29 empresas.
No que se refire á actividade xerada na Internet, a Cámara de Comercio informa que foi quen de afianzar a súa presenza en Internet a través da web de seu (camaracompostela.com), as redes sociais, o boletín informativo ou por medio do blog da Cámara. A web corporativa, engaden fontes da entidade, “é un escaparate sempre visible desde calquera punto do mundo que permite informar aos interesados das novidades camerais”. O número de visitantes e visitas incrementouse progresivamente desde a creación da web, situándose a día de hoxe nunha media mensual de 30.536 visitas en 2014 e unha media de 4.886 visitantes distintos mensuais, engade o equipo de dirección.
Ademais, a Cámara de Comercio estende a súa información polas redes sociais, con máis de 1.328 contactos en Facebook e 1.544 seguidores en Twitter. A xuízo dos responsables da entidade, “o establecemento da marca Cámara neste tipo de canles interactivas permite achegar a entidade ás empresas da demarcación coa finalidade de presentarlles os servizos, proxectos, programas e coñecer as súas necesidades dunha forma organizada”. Inclúe nos seus muros información relativa a eventos e actos da organización, cursos e xornadas de formación ou actividades para a busca de novos mercados.
Outro dos recursos on line dos que se tira partido é o boletín informativo, do que se enviaron 34 versións no último ano. “Realízanse envíos de comunicacións a través de correo electrónico ás persoas interesadas en recibir información sobre cursos de formación ou accións de internacionalización que programa anualmente a entidade cameral compostelá”, explican os responsables da mesma, que tamén sinalan que na actualidade reciben o boletín 4.158 inscritos.
A Cámara de Comercio de Santiago incrementa o seu pulo innovador e a presenza en liña
Compartir Este Artigo
