A partires dunha hackathon organizada por BitTorrent que recibe o nome de Palooza, desenvolveuse un produto realmente interesante para compartir contidos entre varios dispositivos empregando tecnoloxía P2P (en vez de hospedar os contidos na nube), o BitTorrent Sync, que está a estrear versión 2.0, que supón unha grande evolución ao incorporar funcionalidades avanzadas para usuarios profesionais no que chaman Sync Pro.
As novas prestacións achegan un maior control para grupos de traballo e particulares, de xeito que agora todos os dispositivos persoais poden ligarse a unha identidade privada, para que todos os cartafoles compartidos estean dispoñibles alí onde sexa preciso; os cartafoles poden configurarse para un acceso baixo demanda, deixando que se vexan os contidos dun cartafol e só se consuman os ficheiros necesarios (preservando capacidade de almacenamento nos dispositivos mentres se mantén o acceso aos ficheiros); e a propiedade e os permisos dun cartafol poden controlarse en calquera momento a través dun sinxelo menú que permite modificar os niveis de acceso e os usuarios autorizados, para poder xestionar os cartafoles en tempo real.
Este novo servizo é de pagamento, aínda que resulta relativamente económico, xa que custa 39,99 dólares/ano por usuario (non por dispositivo), existindo licenzas por volume para equipos e empresas.
A tecnoloxía BitTorrent Sync está dispoñible para ordenadores persoais, dispositivos móbiles e numerosas solucións de disco duro en rede, facendo que a sincronización de contidos entre varios dispositivos sexa unha tarefa moi doada e non teña que depender de almacenamentos na nube que non sempre son todo o rápidos e fiables do que sería desexable.
Vídeo de presentación de BitTorrent Sync
BitTorrent Sync estrea prestacións para usuarios profesionais
Compartir Este Artigo
