Tras a xuntanza de hoxe do Consello da Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijoo compareceu antes os medios para dar conta da aprobación do programa de actuación para completar a modernización da administración autonómica que a través da súa dixitalización conseguirá aforrar ata 41 millóns de euros cada ano, de xeito que os 27,7 millóns de euros que investirán no Plan de administración e goberno dixital 2020 poderían recuperarse totalmente nun ano.
A anterior planificación xa contará cunha dotación de 15 millóns de euros, e agora toca continuar avanzando na dixitalización da administración, marcándose como obxectivo que no ano 2020 a totalidade dos procedementos poidan iniciarse por vía electrónica e que o 40% poidan tramitarse integramente de xeito electrónico.
Para conseguir este obxectivo, dotarase á sede electrónica de máis funcionalidades, personalizadas para os diferentes colectivos. Entre elas a posibilidade de obtención de certificados de xeito inmediato, como o de discapacidade ou de familia numerosa.
En segundo lugar, simplificarase á accesibilidade á administración coa extensión de ferramentas como a solución Chave 365, que permite interactuar coa Administración a través do teléfono móbil sen necesidade de empregar un certificado electrónico. E, tamén se impulsará a implantación do sistema de notificacións telemáticas, que permitirá a calquera persoa física ou xurídica recibir as notificacións administrativas nunha caixa de correo electrónico en lugar do tradicional correo certificado e coa mesma validez.
Outra peza chave para conseguir a tramitación electrónica integral é a consolidación do Arquivo Dixital Integrado, que entrará en funcionamento este ano e que permitirá xestionar o ciclo de vida completo de cada documento, ademais de permitir tanto aos empregados públicos como ao propio interesado, recuperar e consultar calquera expediente.
No tocante á dixitalización da xestión interna dos empregados públicos, Feijóo destacou que xa está en marcha o Plan de xestión e dotación de medios TIC no posto de traballo; crearase o expediente dixital do empregado público, “que lle permitirá o acceso aos seus documentos persoais sen necesidade de solicitude previa”; e dixitalizaranse as canles de comunicación co Valedor do Pobo, evitando a circulación de papel.
Por último, abordarase tamén a personalización de servizos para os emprendedores con medidas como: a creación dun rexistro empresarial único, que coordine a rede de rexistros industriais, empresariais e comerciais da Administración pública; ou a posta en marcha da canle empresa, un espazo especificamente orientado ás empresas na sede electrónica da Xunta e do nodo integral de contratación pública, punto único para concentrar e potenciar os servizos de contratación pública galega.
“En definitiva, un plan para poder completar o camiño iniciado en 2009 co obxectivo de que a Xunta sexa verdadeiramente unha Administración dixital: aberta 24 horas e 365 días ao ano; que cada novo servizo que preste o faga sempre pensando no eido dixital; e que se apoie tamén nas novas tecnoloxías para ser cada vez máis transparente”, concluíu Feijoo, a modo de resumo.
A Xunta destinará 27,7 millóns de euros á dixitalización da Administración
Compartir Este Artigo
