Onte, 19 de marzo, daban comezo as obras de construción do edificio encamiñado ás Novas Tecnoloxías, un novo proxecto que se financia con cargo ós fondos do Plan Urban (cofinanciado nun 80% pola Unión Europea a través dos fondos FEDER e contando tamén con achegas do Concello e a Deputación) e que suporá a ampliación da Casa do Concello de Lugo. Este proxecto suporá tamén dotar ao casco histórico dunha nova infraestrutura pública pensada para facer máis doado o acceso de toda a veciñanza aos recursos e tecnoloxías do coñecemento e a comunicación.
A construción do inmóbel TIC conta cun orzamento de 330.562 euros, aos que hai que engadir os 495.000 euros que custaron as expropiacións e indemnizacións e outros 95.000 euros investidos na demolición e traballos arqueolóxicos. A obra conta cun prazo de execución de dez meses e foi adxudicada á empresa OREGA.
O Edificio das Novas Tecnoloxías, que estará comunicado coa Casa do Concello terá, no baixo, un espazo de atención ao público así como equipos informáticos sen fíos a disposición dos usuarios, amais de exhibirse, nela, os valiosos restos arqueolóxicos atopados durante as catas arqueolóxicas. No primeiro andar haberá aulas para reunións que poderán poñer a disposición de emprendedores e empresarios que necesiten facer xuntanzas e carezan dun espazo físico para levalas a cabo.
Na cata arqueolóxica realizada antes da construción do novo edificio atopáronse dous muros, un deles corresponde ao muro perimetral da nave central da basílica romana e outro, parello a este e que se usou como base para algunha estrutura non identificada. Esta basílica corresponde cun dos varios edificios que albergaba o Foro Romano de Lugo e que era o centro de negocios ou mercado de época romana. Cómpre subliñar que esta descuberta incorporouse ao proxecto do novo Edificio de Novas Tecnoloxías e poderá ser visitada de preto ao ser a única mostra visible do Foro Romano da cidade, unha vez que finalicen os traballos de construción do mesmo.
Botan a andar as obras do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo
Compartir Este Artigo
