Finalmente inaugurouse este luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o que ben pode ser cualificado de evento artístico e tecnolóxico da tempada. Falamos da Semana das Industriais Culturais e Creativas Ourense ICCWeek, unha cita que xuntará ata o vindeiro sábado a reputados e punteiros profesionais dos ámbitos do audiovisual, o emprendemento e as novas tecnoloxías. A semana, que tamén está aberta ao público en xeral, foi inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co relator Pau Rausell, doutor e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universitat de Valencia, quen falou do Impacto das industrias culturais e creativas nos territorios.
O programa de Ourense ICCWeek inclúe relatorios, entrevistas, unha net party, concertos, demostracións, rede negocios e sesións mestras sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, aplicacións e vídeo-xogos. Estas actividades desenvolveranse no Pazo dos Deportes Paco Pazo e en diferentes vilas da provincia de Ourense.
Manuel Baltar sinalou na apertura das sesións que Ourense ICCWeek “é un evento que se vai consolidar nos próximos anos e que fará que a cidade e a provincia sexan referentes da creatividade, porque este é un territorio esencialmente creativo e poderemos contribuír así a seguir dándolle un pulo cultural e innovador á nosa provincia”. Baltar salientou tamén que Ourense ICCWeek “nace cunha visión integral de provincia pois promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa”.
Logo do acto inaugural e do relatorio de Pau Rausell celebrouse o concerto de The cinematic sound ensemble, acompañado dunha cata de viño Ribeiro cortesía do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.
Os obxectivos da semana e das actividades que acubilla, que se prolongarán en boa medida no tempo, son presentar a Ourense “como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos eidos tecnolóxicos e marcas de referencia para fixar no tempo relacións e contactos profesionais”, explica a Deputación, que engade que tamén se quere “transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia”.
O programa de actividades que se vai desenvolver na semana do 23 ao 28 de marzo abrangue os seguintes apartados:
- ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.
- ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.
- ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.
- ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.
- ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.
- ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes Paco Paz.
Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán A industria da música e os seus axentes, O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual, O mundo da vídeo-creación, Vídeo-xogos e tendencias dixitais, Os novos retos do audio e a produción musical e O futuro do cinema visto polos seus protagonistas.
Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes Paco Paz actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.
