Segue adiante o evento Ourense ICCWeek ou, o que é o mesmo, unha iniciativa para colocar a provincia no centro mesmo da creatividade estatal e materia de audiovisual, música, novas tecnoloxías e outras linguaxes e disciplinas. O evento, que se inaugurou este luns oficialmente e de mans da Deputación, apóiase este mércores nos seguintes piares temáticos: a vídeo-creación, os vídeo-xogos e as tendencias dixitais. Contarase, para debater acerca deles, con expertos, emprendedores, empresarios e público en xeral. O centro de operacións será o Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos). Entre as 10.30 e as 13.30 horas, abórdase o tema do Mundo da vídeo-creación: mapping, demoscene e motión graphics.
Pola tarde, de 16.30 a 19.30 horas, tratarase o tema de Vídeo-xogos e tendencias dixitais. Nos relatorios participarán Óscar Testón, director Vjspain, referencia en España no vídeo-mapping; Cristina de Silva e Nacho de la Vega, do colectivo artístico centrado na fotografía, o vídeo, os directos audiovisuais, o son e as instalacións multimedia; Eloi Maduell, enxeñeiro en informática especializado en audiovisuais en directo; Juanjo Fernández, experto en mapping e grandes proxeccións; Francisco Javier Rodríguez e José Manuel Louro, fundadores de RLS e membros da directiva da asociación española de desenvolvedores de videoxogos DEV; Gilberto Sánchez, director editorial de Virtual Toys e membro da directiva da asociación española de empresas produtoras e desenvolvedoras de videoxogos e software de entretemento; Sergio Galán, enxeñeiro de Telecomunicación; Oriol Rosell, produtor de música electrónica e socio fundador de PatchWorks, e Óscar Mulero & Fium, que presentan Biolive, un directo audiovisual no que a música en directo de Óscar Mulero, a xeito de diálogo, atópase co mundo visual do colectivo artístico Fium.
Os obxectivos do Ourense ICCWeek son, en palabras da Deputación, presentar a provincia como “unha área economicamente atractiva, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos eidos tecnolóxicos e marcas de referencia para establecer e manter no tempo contactos profesionais”. Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.
Os videoxogos e as tendencias dixitais, a debate este mércores en Ourense ICCWeek
Compartir Este Artigo
