A semana que vén o espazo de coworking na Avda. Novo Mesoiro da Coruña, WeKCo, vai servir de escenario para unha nova edición de Betabeers Galicia, para a que xa está aberta a inscrición, e que servirá unha vez máis para que desenvolvedores de aplicacións móbiles e web poidan formarse a través dunha charla técnica e tamén poidan coñecer un par de proxectos que se presentarán para completar a parte formal do encontro que rematará cun BeerWorking nunha cervexaría a poucos metros.
O día 11 de 20:00 a 21:30 horas celebrarase así o XIX Betabeers Galicia, cun obradoiro sobre JavaScript Salad como actividade central, na que Alberto Basalo, director de Ágora Binaria, debullará o panorama actual de tecnoloxías JavaScript, para facilitar a elección das ferramentas a elixir, os frameworks ou os grupos de librarías que debemos empregar para desenvolver aplicacións.
Os proxectos que completarán a xornada serán WeKnow, aplicación móbil para Android e iOS que axuda á toma de decisións, e que presentará Mauricio Mesa; e Diacamma, unha rede social para compartir vehículo persoal ou taxi entre os seus usuarios, que presentarán os seus fundadores, Rubén Quintela Cancelo e David Tubío Ares.
Lembremos que este evento de balde ten limitado o aforo a 35 persoas, polo que cómpre inscribirse para poder asistir.
A ensalada de ferramentas JavaScript centrará o XIX Betabeers Galicia
Compartir Este Artigo

