Nos últimos días comentamos a posibilidade de adquirir a cámara envolvente 360fly, que busca ser unha GoPro de 360 graos, pero que como principal eiva tiña que o vídeo que rexistra é de só 1.504 x 1.504 píxeles, prometendo que para o ano que vén lanzarán unha versión en ultra alta definición, pero tal tecnoloxía xa é unha realidade, e busca chegar ao público a través de Kickstarter, cunha campaña que está a piques de completar o seu financiamento e que neste momento permítenos facernos cunha Sphericam 2 por 1.399 dólares (1.258,78 euros).
A Sphericam 2 é unha pequena cámara cun diámetro de só 65 milímetros que integra 6 lentes e sensores de imaxe e 4 micrófonos, que pode gravar vídeo esférico a 4K (4.096 x 2.048 píxeles a ata 60 imaxes por segundo) o que permite que unha tableta, no ordenador ou cuns cascos de realidade virtual poidamos ter unha imaxe Full HD. Tamén inclúe Wi-Fi para facilitar a visualización do seu contido en dispositivos móbiles e equipos informáticos dende os que monitorizar ou gravar, mentres que mediante micro USB ou un adaptador Ethernet podemos realizar retransmisións en vivo podendo achegar tanto o sinal independente de cada cámara (que tamén pode gravarse en cadansúa tarxeta microSD) ou unha imaxe envolvente combinada a un bitrate de ata 100 Mbps.
Esta solución consegue capturar vídeo de calidade profesional (o sinal pode recibirse sen compresión ou gravarse en H.264 ata 100 Mbps por cámara). A súa batería de 2.800 mAh permite gravar entre 60 e 90 minutos e, para facilitar o seu uso podemos empregar numerosos accesorios como trípodes ou monopés, para os que conta con 8 puntos de montaxe. Temos así un sistema moi versátil para rexistrar as novas viaxes, deportes de aventura, eventos… que espera entregarse aos seus mecenas no mes de decembro.
Vídeo de presentación da Sphericam 2

