O primeiro de abril do ano pasado estrouse un dos videoxogos máis absurdos que se coñecen, o Goat Simulator, un proxecto que naceu como unha broma e que rematou converténdose nun xogo que ten a liberdade e o descontrol como máximos expoñentes, e que, tras a súa estrea en Windows (PC), deu logo o seu salto a OS X e Linux e incluso ousou a estrear o pasado mes de setembro versións para iOS e Android. Pero este proxecto de Coffee Stain Studios aínda ten corda para rato, e agora Sony confirma que o 11 de agosto lanzarán este título para PlayStation 3 e PlayStation 4.
O simulador de cabra que permite percorrer un mundo aberto desatando a destrución e incluso percorrer o amplo territorio mediante un jetpack, un á delta ou enganchándose a un helicóptero coa lingua, permite que o xogador poida facer estourar cousas, así como escornar calquera cousa, facer piruetas no aire e incluso gozar dun modo multi-xogador local para 2 usuarios en PS3 e 4 en PS4.
Como grande novidade, o xogo vai contar nas súas edicións para máquinas PlayStation dun modo chamado GoatVR, que sería unha simulación da realidade virtual que está tan de moda.
As consolas domésticas de Sony recibirán o ridículo Goat Simulator o mes que vén
Compartir Este Artigo
