O evento Akademy 2015 que se celebra estes días na Facultade de Informática da Universidade da Coruña está a ser, como se prevía, fonte inesgotable de novas ideas e proxectos, algúns deles xa prontos para seren empregados a fondo. Sen ir máis lonxe, o foro que organiza GPUL acolleu o sábado 25 a presentación dun novo sistema operativo móbil, alternativa a Android e máis a iOS. O evento, que reúne a uns 200 expertos en software libre todo o mundo, vén da man das asociacións GPU e KDE e.V, en colaboración coa Universidade da Coruña. Desenvólvese dende o 23 de xullo ata o día 31. Trátase do acontecemento internacional máis importante para o desenvolvemento do escritorio libre KDE.
Segundo nos contan dende a organización, o anuncio máis importante producido ata a data no evento foi a presentación a nivel mundial do devandito sistema operativo móbil, unha ferramenta desenvolvida pola comunidade KDE chamada Plasma Mobile e que, nas súas palabras, “será un novo competidor no mercado actual, dominado case na súa totalidade por Android e Apple”.
Sebastian Kügler, desenvolvedor principal do proxecto, adiantou que ademais da facilidade de uso, unha das características fundamentais é a protección dos datos do usuario. Así, dixo, “o sistema respectará a nosa privacidade e non enviará información a compañías externas sen a nosa confirmación”. Por outra banda, o desenvolvemento parte dunha idea de base, a aceptación da importancia de Android no mercado actual, polo que o grupo está arestora traballando nas compatibilidades coas aplicacións do sistema operativo de Google. Segundo se anunciou en Akademy, en datas vindeiras os usuarios poderán executar as aplicacións ás que xa estean afeitos no seu teléfono. Plasma Mobile é a día de hoxe un prototipo, pero no foro da Coruña foi posible ver e probar o seu funcionamento.

Akademy 2015 conta coa colaboración da Universidade da Coruña, da AMTEGA, e da Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Google, The Qt company, openSUSE, Blue Systems, Igalia, KDAB, Intel, Igalia, Red Hat, Open Invention Network (OIN), froglogic e golem.de.
Presentado en Akademy 2015 un novo sistema operativo móbil, Plasma Mobile
Compartir Este Artigo
