Espérase que no mes de outubro Microsoft realice unha grande presentación para lanzar a versión móbil de Windows 10 acompañando a nova versión do seu sistema operativo móbil cun par de terminais insignia dos que non cesan as filtracións, chegando agora en forma de gráficos renderizados que presentan a que sería a súa aparencia final, xunto cunha listaxe de especificacións completas. Estes novos smartphones parece que irían na liña de anteriores terminais Lumia, pero mudando lixeiramente a presenza da súa marca, mantendo o logotipo de Microsoft na parte frontal do teléfono, pero limitando a marca na súa parte traseira a un logotipo cadrado de Windows, obviando o reiterativo selo de Microsoft na traseira como acontece cos últimos smartphones da compañía de Redmond.
Outra filtración tamén amosa unha imaxe do que sería o Lumia 950 XL (ou Cityman) conectado a un accesorio que permitiría conectar o teléfono a unha pantalla externa mediante HDMI á vez que facilitaría a conexión de dispositivos USB, permitindo así o aproveitamento da característica Continuum de Windows 10 Mobile, ou sexa, que permitiría gozar de aplicacións universais de Windows 10 en pantalla grande, o que resultará especialmente de agradecer para labores de produtividade (xa que entre as primeiras aplicacións que aproveitarán tal funcionalidade están o correo electrónico, o navegador web e as aplicacións que conforman o Office de Microsoft).
Entrando a debullar as especificacións o Lumia 950 (ou Talkman) tería unha pantalla OLED de 5,2 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 808 de 64 bits e 6 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliables mediante tarxetas microSD), cámaras de 20 e 5 Mpíxeles, escáner de iris (para Windows Hello), batería de 3.000 mAh con carga sen fíos e conector USB-C; mentres que o Lumia 950 XL (ou Cityman) medraría a súa pantalla ata as 5,7 polgadas mantendo a resolución, tamén viría equipado cun procesador máis potente (un Snapdragon 810 de 64 bits e 8 núcleos) e batería de 3.300 mAh. Un par de configuracións que promete ser máis que suficientes para tirar proveito de Windows 10 en dispositivos móbiles, á vez que presumir de cámaras de grande calidade.
Fíltranse numerosos detalles dos futuros móbiles insignia de Microsoft
Compartir Este Artigo
